Escoitar

O Freestyle Motocross regresa a O Marisquiño

É unha das novidades da XXV edición do festival que se celebra entre o 7 e o 10 de agosto en Samil onde se presentou este martes. Seis pilotos competirán nesta disciplina que se executará sobre dúas ramplas alcanzando os 14 ou 15 metros de altura.

martes, 10 xuñ 2025

No acto, o alcalde convidou a toda a cidade a participar no Marisquiño que este ano celebra o seu 25 aniversario emprazando á cidadanía a “liberar toda a fin de semana” para poder gozar do “espectáculo grandioso” que ofrecerá esta nova edición. Así, sobre a modalidade de Freestyle Motocross que regresa este ano destacou a presenza de medallistas olímpicos co valor engadido de que poden verse “totalmente gratis”.

Carlos Domínguez, Pity, director e promotor de O Marisquiño, puxo en valor a colaboración municipal polo “apoio enorme e tódalas facilidades” do Concello para poder desenvolver esta nova edición do festival. Amais, David Falagan, responsable Freestyle Motocross do Marisquiño explicou que os pilotos alcanzarán na súa exhibición os 14-15 metros de altura a través de dúas ramplas, que é a primeira vez que se utilizan así en Europa, e contarán coa participación de 6 pilotos, entre eles, un varias veces campión do mundo.

O Freestyle Motocross (FMX) é unha disciplina que xa formou parte do programa de competicións do evento no pasado e que agora volve cun espectáculo innovador para sumarse ao 25 aniversario do festival. O público será o encargado de elixir a mellor rolda de saltos que realizará cada piloto. Ao gañador de cada competición entregaráselle un casco do 25 aniversario de O Marisquiño e o que reúna máis cascos durante os días será o gañador final da proba. A competición celebrarase en dobre sesión pola tarde e durante a posta de sol na praia de Samil, na zona que hai a continuación da pista de Automodelismo, ocupando unha superficie de ata 250 metros de longo.

O regreso do Freestyle Motocross a O Marisquiño súmase a outras xa presentadas como a apertura dun segundo escenario musical dedicado á música electrónica, o traslado do Basket 3x3 desde a zona do Porto a Samil e a presentación dun novo final de percorrido para o Descenso Urbano.

Descargar todas as imaxes