O Concello avanza na demolición da Grada de Gol
Nestes momentos están executándose os traballos de demolición cun protocolo “moi definido e delicado” para evitar derrubamentos. O material resultante será utilizado na cimentación da nova bancada.

O alcalde deu conta este mércores da evolución da construción da nova bancada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, onde avanza a destrución da vella cuberta cun “protocolo moi definido e delicado” para manter o equilibrio con respecto aos piares sen que se produza ningún derrubamento.
Os traballos de demolición iniciáronse polo lado máis próximo á bancada de Río, desde a parte interior do estadio derruíndo uns 8 metros, e posteriormente vaise destruíndo de forma sucesiva 1 metro polo exterior do estadio e outro metro pola parte interior para que se poida manter o equilibrio.
Caballero explicou que todo o material demolido vai ser triturado e utilizarase para o recheo e cimentación sobre o que se construirá a nova bancada de Gol, evitando así a xeración de residuos. Tamén será preciso derrubar os túneles dos antigos vestiarios e o consecuente recheo dese espazo. Desde ese momento, apuntou, “estaremos en condicións de iniciar a construción da nova bancada”. O Concello entregará ás persoas interesadas un anaco da bancada de Gol, como xa se fixo con Marcador Centenario.
Así mesmo, sinalou que para o partido deste mércores, dado que non interfire na obra, o Concello autorizou ao Celta a instalación dunha bancada supletoria, con 609 asentos adicionais, coa previsión de mantela ata o final da temporada para os partidos ante o Sevilla e Rayo Vallecano.
O rexedor lembrou que a obra ten un orzamento de 26 millóns de euros e a previsión é que estea operativa a principios de 2027. Así, quedarán completadas e preparadas 3 das 4 bancadas para ser usadas no Mundial 2030, ás que hai que engadir a ampliación da Grada de Tribuna.