O goberno de Vigo avanza na construción de 200 vivendas de protección en Santa Cristina de Lavadores
O Concello segue traballando na procura de vivenda accesible como as 200 previstas en Santa Cristina. O alcalde anunciou esta mañá que xa comezou a tramitación urbanística dun ámbito que incluirá zonas verdes e unha praza pública.

O Concello aprobará a licitación da redacción do proxecto de urbanización do ámbito Santa Cristina de Lavadores, no Parque Central, para construír unhas 200 vivendas sometidas a algún tipo de protección. Tal e como explicou Caballero, unha vez entre en vigor o novo PXOM, xa se poderá iniciar o proceso de xestión e urbanización para obter os soares que se dedicarán a vivendas de protección pública en réxime de venda ou alugueiro.
Ordenación detallada
O ámbito de 12,331 m² contará con 3.191 m² de zonas verdes e unha parcela de equipamento público de 1.161 m². As edificacións situaranse conformando unha praza aberta en soportais cara o entorno da igrexa. Os edificios ocuparán unha planta de 2.660,5 m² deixando no seu interior unha praza central de máis de 1.400 m² que tamén será pública en superficie.
Deste xeito, avánzase nos compromisos adquiridos co goberno de España, a través do SEPES, para cooperar no desenvolvemento do parque de vivenda en distintos ámbitos da cidade, como en Santa Cristina.