O Concello abre o período de solicitude das 520 prazas de escolas infantís municipais
O alcalde anunciou esta mañá os prazos para solicitar as 520 vacantes en escolas infantís que o Concello oferta para o curso 2025/2026. Cun custo de 2,8 millóns, trátase dun servizo completamente gratuíto para todo o alumnado, incluído o comedor.

O Concello publicará de xeito inmediato a convocatoria e as bases para a adxudicación de prazas nas escolas infantís municipais para o curso 2025/2026. Ofrécense 520 vacantes absolutamente gratuítas, incluídos os servizos de comedor (con cociña propia), de atención educativa e de orientación cun equipo de atención temperá e cun gabinete psicopedagóxico.
Respecto dos prazos de solicitude, do luns 17 ao venres 21 de marzo, será a quenda de renovación de prazas, mentres que entre o 24 de marzo e o 11 de abril estará aberto o período para o novo alumnado.
Cun custo de 2,8 millóns asumido integramente polo Concello, hai 9 escolas municipais en funcionamento que este ano ofertarán novidades no seu horario. Os centros da Praza da Industria, Atalaia Teis e Navia ofertarán quendas de mañá e de tarde. Santa Cristina de Lavadores, Bouzas, Costeira Saiáns, Tomás Alonso, Mestres Goldar-Castrelos e Bembrive contarán con xornada continua desde as 07,30h ás 17,00h.
Instituto de Navia
A Xerencia de Urbanismo aprobará inicialmente do proxecto de reparcelación do Polígono 2 do Plan Parcial de San Paio de Navia. Neste polígono hai dúas parcelas municipais: unha destinada ao instituto de Navia e outra, lindante coa avenida de Europa, de uso dotacional.
Segundo explicou Caballero, esta reparcelación é un paso imprescindible para a inscrición no rexistro da propiedade e que o Concello poida recibir a parcela que, a continuación, porá a disposición da Xunta para construír a dotación educativa. Na súa intervención, lembrou que o convenio asinado entre a administración local e a autonómica obriga a que a construción arranque de xeito inmediato.