O alcalde avanza que o luns 24 comeza o desmonte dos asentos da Grada de Gol
Abel Caballero avanzou este mércores que a nova Grada de Gol do estadio municipal de Balaídos, que conta cun investimento de 26 millóns de euros, estará terminada a principios de 2027. Iniciadas as obras o pasado mes de xaneiro, o próximo fito da construción terá lugar o vindeiro luns 24 de febreiro co inicio da retirada dos asentos.

O alcalde sinalou hoxe que o partido deste venres do Celta contra o Osasuna será o último que se dispute coa antiga bancada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, apuntando a “nostalxia” que pode quedar só no recordo da cidadanía, “porque ao derrubar a grada de Gol irase unha parte da historia da cidade pola modernidade, que é imprescindible”, xa que o novo estadio “é infinitamente superior ao que tiñamos”.
O cronograma da intervención escribe o luns un novo fito co inicio dos traballos de desmontes dos asentos. A partir de aí, en marzo procederase ás demolicións interiores, e en abril terán lugar derrubas de maior alcance, que comezarán na escaleira de caracol de cemento. Caballero anunciou que, como no caso da construción da bancada do Centeario, o Concello entregará como recordo un anaco de pedra da de Gol, nunha plataforma de metacrilato, aos cidadáns que o soliciten.
Recta final do estadio municipal
O rexedor incidiu na “alegría” por iniciar a parte final da construción do estadio municipal de Balaídos. Tras lembrar que a Xunta achegará 3,8 millóns para o estadio Anxo Carro de Lugo, que se suman aos 9 millóns ao campo de Ferrol, ao investimento de 3,2 millóns para as instalacións de Ourense e á probable achega a Riazor se A Coruña é sede do Mundial de fútbol, Caballero pregunta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao PP de Vigo “E Vigo? Equipo de primeira división. Estadio único. Resulta que nin un céntimo para o estadio de Vigo. O insulto é tremendo. Nin un céntimo para o campo de fútbol de Vigo, sendo o Celta o único equipo de primeira en todo o oeste de España e non achegan nada para o campo”, censurou.