O goberno municipal amplía a subvención ás escolas deportivas municipais
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a modificación do programa municipal de Escolas Deportivas “Achégate ao deporte” que supoñerá melloras para os clubs deportivos que participan.
O goberno municipal deu luz verde ao cambio no programa de Escolas Deportivas que permitirá un incremento no importe que reciben as entidades deportivas da cidade pola pola organización dos cursos. O orzamento total do programa para o período 2024-2027 é de case 1,8 millóns de euros.
O alcalde explicou que se aprobou un “aumento moi importante porque queremos seguir impulsando as escolas deportivas municipais” nas que este ano participan case 5.000 nenas e nenos da cidade, que se iniciaron ou continuaron a práctica de diferentes modalidades deportivas.
Coas melloras introducidas, o Concello aumenta máis dun 20% a achega municipal por cada participante inscrito, de xeito que as entidades colaboradoras recibirán 10 euros mensuais por cada deportista rexistrado (ata o de agora eran 8). Así os nenos que participan nas actividades pagan 46 euros ao ano, salvo excepcións como piragüismo, escalada, remo… cuxa cota anual é superior. Ata o de agora a entidade recibía 64 euros, a partir de agora recibirá 80 euros, tal e como detallou Caballero.
RunRunVigo
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou os premios en metálico para os gañadores das probas do circuíto “RunRunVigo” que ascende a 6.000 euros.
Facendo balance do circuíto deste 2024 o alcalde explicou que o total de participantes ascendeu a 5.135 corredores, dos que 1.347 foron mulleres e 3.788 homes nun total de 12 probas: Subida ao Castro, Carreira do Calvario, Carreira popular 10k de Teis, Media maratón Vig Bay, Carreira Praia de Samil, Carreira da Cereixa, Carreira nocturna Correndo por Vigo, Carrera nocturna de San Xoán, Vigo contra o Cancro, Media Maratón de Vigo, Vigo+11 e a Carreira solidaria Érguete e Corre.
O rexedor puxo en valor a “combinación de atletismo e atención a entidades sociais” do RuRunVigo, unha mostra da unión entre “solidariedade e deporte”.