O MARCO acolle desde o venres 8 de novembro a mosta de Susanne Themlitz "A linguaxe das cousas mudas"
“A linguaxe das cousas mudas” da artista Susanne Themlitz é unha mostra de ámbito mundial que transcende a Vigo e a toda España ata situarse nun nivel extraordinariamente amplo”, explicou hoxe o alcalde ao presentar esta nova cita cultural. A exposición permanecerá aberta no Museo Marco desde o vindeiro venres 8 de novembro ata o 13 de abril de 2025.
Abel Caballero explicou este mércores que a mostra de Susanne Themlitz contén “moitos mundos” que se van descubrindo na contemplación de cada unha das pezas. Na presentación, dirixiuse á artista para asegurarlle que a súa mostra “fai que cada un dos visitantes se sinta parte integrante da exposición” no medio da monumentalidade da sala de mostras do Museo MARCO. O rexedor rematou a súa intervención destacando a aposta do goberno municipal por impulsar a cultura na cidade da economía e a “gran mobilización cultural” que representa o MARCO en Vigo.
Mostra
As salas da planta baixa do MARCO acollen o proxecto co que Susanne Themlitz quere chamar á reflexión sobre a memoria dos materiais, a vida do centro e a súa contorna, cunha montaxe que busca a sorpresa do público ao formular de modo diferente cada espazo expositivo. Os visitantes poderán contemplar no primeiro patio unha gran instalación visual e sonora construída con canas de bambú. A partir de aí, outra sala exponse como arquivo ou laboratorio da artista desde o que se transita a unha paisaxe habitada conformada por un conxunto de obras realizadas en distintos formatos. A exposición permite repasar os intereses artísticos da creadora, así como a evolución da súa obra e a mirada sobre Vigo.