O alcalde presenta a programación especial 20 aniversario da Orquestra Vigo 430
O alcalde e a primeira tenente de alcaldía presentaron este venres o programa de seis concertos co que a Orquestra Vigo 430 celebrará en 2025 dúas décadas de difusión da música clásica.
Abel Caballero e Carmela Silva ratificaron hoxe, ante o director artístico e ante a xerente da Orquestra Vigo 430, Javier Escobar e María Alonso, o apoio do Concello á súa institución musical durante a presentación da programación especial que despregará, entre os meses de xaneiro e maio de 2025, para conmemorar dúas décadas de actividade. “Sen o Concello ao noso lado e sen o apoio incondicional e crecente do Concello este proxecto fose imposible”, asegurou o responsable da orquestra.
O alcalde lembrou a subvención anual de 150.000 euros concedida polo Concello, á vez que destacou o traballo da orquestra de música clásica.
Javier Escobar avanzou que o programa de seis concertos co que conmemoran 20 anos de percorrido, “é o máis ambicioso” realizado ata o momento. Tras destacar a formulación innovadora aplicada desde o inicio da orquestra, recalcou a presenza maioritaria de mulleres no proxecto “polo seu talento e valía”.
Concertos
▪ 24 de xaneiro. Ecos de Viena. O esplendor mozartiano.
▪ 28 de febreiro. Árias de ópera de Häendel e Vivaldi .
▪ 20 de marzo. De Haydn a Bartók.
▪ 21 de marzo. Sons do corazón: harmonías do romanticismo.
▪ 26 de abril. Recordos da corte de Esterházy.
▪ 30 de maio. Paisaxes sonoras. De Beethoven a Tchaikovsky.