Escoitar

Caballero esixirá responsabilidades ao Imserso polo "maltrato" aos usuarios de Vigo

"Non quedaremos cruzados de brazos", apunta o rexedor, quen enviará unha carta ao director do Imserso demandando que poñan autobuses desde Vigo e Pontevedra para os desprazamentos dos pensionistas a Santiago a coller os avións.

xoves, 7 set 2017
O alcalde referiuse este xoves ás condicións de transporte que sofren os usuarios do Imserso de Vigo e da súa área metropolitana, que teñen que ir ata Pontevedra polos seus propios medios para coller un autobús e, desde alí, ser levados ao aeroporto de Santiago, desde onde parte a maioría de voos vacacionais. Apuntou tamén que a situación pode complicarse á volta porque coa "posibilidade de que o avión chegue tarde a Santiago" e cando regresen a Pontevedra xa non queden autobuses para volver a Vigo, tendo que coller un taxi.

Caballero criticou que as actuais condicións de transporte son "rutinas daniñas para a cidade" polo que enviará unha carta ao director do Imserso esixíndolle "responsabilidades ante o maltrato aos pensionistas vigueses. Non quedaremos cruzados de brazos". Así, demanda que os usuarios do Imserso que saian de Vigo teñan autobuses para desprazarse ata Santiago cando o seu voo parta da terminal compostelá. O rexedor sinalou que, por poboación, "hai catro veces máis usuarios do Imserso" na área de Vigo polo que "terán que poñer" os autocares desde Vigo e Pontevedra.