Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que o Concello porá a disposición da Xunta terreos para construír o albergue

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou que nos vindeiros días estarán a disposición da Xunta de Galiza terreos municipais para contruír o albergue. En resposta ás preguntas dos medios sobre as declaracións da Conselleira de Traballo e Benestar nas que aseguraba que o Concello era o responsable de que Vigo non tivera albergue, o nacionalista afirmou que o goberno vigués "non fará deixación de funcións cando se trate de traballar pola dignidade humana".

xoves, 29 abr 2010
Santi Domínguez subliñou que a primeira responsabilidade de que nesta cidade non exista albergue "é da Xunta". Lembrou que ten un edificio acondicionado que pode abrir mañá, pero que non o abre "por cerrazón política", en referencia á Gota de Leite, na que o goberno bipartito anterior investiu 235.000 euros para o seu acondicionamento.

O tenente de alcalde tamén respostou ás acusacións de que o Concello de Vigo aínda non se puxera en contacto coa Xunta. Asegurou, pola contra, que xa houbo contactos co goberno galego, "porque nós colaboramos con quen faga falta, sen ter en conta cores políticas", apuntou. A este respecto explicou que o Concello leva tempo traballando nunha solución e adiantou que nos vindeiros días se anunciará que terreos se porán a disposición da Xunta para construir este centro. "Cando poñamos enriba da mesa os terreos e a necesidade de colaborar economicamente a ver que di a Xunta sobre o compromiso coa dignidade humana", indicou Santi Domínguez.