Escoitar

Santi Domínguez convida aos colexios do Calvario a sumarse ao programa de prevención de condutas de risco

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, mantiveron hoxe unha xuntanza con membros dos equipos directivos e Anpas dos centros de ensino da zona do Calvario para presentarlles o programa municipal de prevención de condutas de risco dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. No encontro, os nacionalistas convidaron aos representantes da comunidade escolar desta área de Vigo a participar no proxecto, dado o alto éxito acadado polo programa que xa se está a desenvolver no barrio de Teis.

mércores, 28 abr 2010
1272458181coles.JPG
"O programa quere ser unha axuda aos orientadores dos centros educativos, ás Anpas e en xeral á comunidade escolar", subliñou o tenente de alcalde na xuntanza, na que participaron representantes dos colexios Lope de Vega, Pombal, Fonte Escura, Santa Cristina, Atalaia, Escolas Nieto, Nuestra Señora de la Esperanza e Foanpas.

Na súa intervención, Santi Domínguez indicou que ao chegar ao goberno, un dos obxectivos fundamentais que se marcou o BNG foi "traballar para a xente e mellorar a calidade de vida da cidadanía". Neste sentido, salientou a posta en marcha en Teis do servizo de atención a nenos e nenas con problemas de adaptación nos centros educativos. Asegurou que a análise da implantación do programa revela un bos resultados nos nenos e nenas acompañados, que se manifestan tanto na mellora da súa adaptación ao centro escolar como no seu rendemento académico.

Segundo o tenente de alcalde, foi precisamente este resultado positivo do programa desenvolvido en Teis o que impulsou a amplialo. O feito de que o Calvario é unha "zona altamente poboada escolarmente falando" e na que se coñece a existencia de casos de desestruturación foron dous dos argumentos que segundo Santi Domínguez pesaron na elección desta zona para continuar co programa.

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, pola súa banda, explicou que este programa de lecer infantil de prevención de condutas de risco desenvolverase nas instalacións da asociación "Hoy por mañana". Sinalou que esta iniciativa, que oferta 20 prazas diarias, está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, preferentemente de familias con poucos recursos.

María Méndez indicou tamén que haberá dous grupos, un cos nenos e nenas de 6 a 9 anos e outro de 10 a 12 anos. O servizo será de abril a xuño e de setembro a decembro, en horario de 16 a 19 horas de luns a xoves, mentres que no mes de xullo será de luns a xoves de 10 a 13 horas. "Durante tres horas, os nenos e nenas participantes recibirán reforzo escolar e participarán en actividades de lecer", salientou a edil do BNG.

A concelleira de Benestar Social destacou o "carácter transversal" deste programa, que trata de fomentar a adquisición de habilidades sociais dos nenos e as nenas co obxectivo de superar os problemas de adaptación. Indicou tamén que este programa conta cun equipo integrado por unha educadora social, unha traballadora social e varios voluntarios e voluntarias formados nesta especialidade.
Descargar todas as imaxes