Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o primeiro microbús eléctrico do Casco Vello comezará a funcionar a finais de ano

O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, presentou este mércores o proxecto de transporte público para o Casco Vello, xunto ao concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. O nacionalista anunciou que antes de finais de ano comezará a funcionar un microbús eléctrico como proba piloto durante seis meses. Destacou que é un "paso importante" na mellora da mobilidade do barrio e para ofrecer unha mellor calidade de vida, xa que resolve problemas de accesibilidade, circulación e transporte.

mércores, 28 abr 2010
1272458232buses.JPG
"Este servizo de transporte público é un paso máis na aposta que dende as áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía estamos facendo pola recuperación do Casco Vello", salientou Santi Domínguez. O tenente de alcalde sinalou que a posta en marcha deste proxecto de transporte parte do estudo de mobilidade do Casco Vello e as necesidades que nel se reflexan, pero tamén nas consideracións que figuran no Plan Especial de Protección do barrio. Segundo explicou, esta iniciativa supón a actuación nun ámbito no que os desprazamentos peonís se enfrontan a dificultades polas grandes pendentes que hai no barrio, que chegan ao 14%, e desniveis de case 60 metros.

Santi Domínguez sinalou que se van iniciar os trámites de adxudicación do proxecto e a compra dos microbuses, que se fará efectiva cando esté operativo o capítulo de investimentos do orzamento municipal. Existe unha partida de 500.000 euros para abordar a fase inicial do proxecto.

O tenente de alcalde expresou a súa confianza de que no último trimestre do ano poda comenzar o periodo de probas do servizo e a mediados de 2011 poda estar xa a pleno rendemento. Explicou que a experiencia piloto será de seis meses e neste periodo un microbús ofrecerá transporte gratuito para todos os usuarios e usuarias.

A frecuencia de paso será de 25 minutos, nun itinerario circular que percorrerá a Praza do Berbés, Real, Méndez Núñez, Poboadores, Elduayen, Abeleira Menéndez, Paseo de Granada, Ronda de Don Bosco, Doutor Cadaval, Porta do Sol, Praza da Constitución, Fermín Penzol, Marqués de Valladares, Praza de Compostela, García Olloqui, Cánovas del Castillo, Beiramar e Praza do Berbés. Santi Domínguez salientou con este percorrido non só se da servizo ao Casco Vello senón tamén a unha ampla zona do centro, ao unirse á ruta as zonas comerciais da Ronda de Don Bosco e Progreso. Apuntou tamén que aínda que se establecerán paradas nuns puntos determinados, os usuarios e usuarias poderán subir e baixar do microbús á demanda, segundo as súas necesidades.

Tras este periodo de proba, no que a xestión se levará a cabo polo Concello de Vigo baixo a supervisión de Vitrasa, Santi Domínguez avanzou que o servizo se ampliará a un total de catro microbuses, de xeito que a frecuencia estará entre os seis e os oito minutos. Xa nestes momentos nos que o servizo funcione na súa totalidade, a xestión pasará á rede de transporte público de Vitrasa.

En resposta ás preguntas dos medios sobre o prezo final deste novo servizo de transporte, o tenente de alcalde indicou que se regulará en función da experiencia piloto, pero que sempre terá unha consideración especial para os residentes no Casco Vello.
Descargar todas as imaxes