Escoitar

Iolanda Veloso presenta o novo programa "Tanto monta, monta tanto" para promover a igualdade

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, destacou este martes a necesidade de seguir organizando cursos e obradoiros que promovan a igualdade entre homes e mulleres como é o programa "Tanto monta, monta tanto". A concelleira afirmou na presentación que se trata dunha nova edición do programa "Vivir en parella é cousa de 2", cuxo periodo de inscrición comeza o vindeiro venres, 25 de setembro, ata completar o número de prazas.

martes, 22 set 2009
1253625226tantomonta.jpg
Iolanda Veloso explicou que esta edición dos cursos presenta diversas novidades respecto as anteriores. En primeiro lugar sinalou que os cursos poderán facerse nas asociacións veciñais, se así o reclaman, ademais dos lugares propostos pola concellería. Asemade, destacou a posibilidade de que se celebren en quenda de mañá, ademais de pola tarde, "co obxectivo de adaptarse ás demandas da cidadanía".

A concelleira de Igualdade sinalou que destinados a mulleres está prevista a celebración de dous cursos, Reparacións domésticas básicas e Mecánica e electricidade do automóbil. No primeiro caso, terá lugar no CIFP Valentín Paz Andrade do 15 de outubro ao 26 de novembro, os marte e xoves de 18 a 21 horas. O curso Mecánica e electricidade do automóbil celebrarase tamén neste centro do 19 de outubro ao 30 de novembro, os luns e mércores de 18 a 21 horas.

Destinados a homes e entidades veciñais que o soliciten terán lugar os cursos Preparo, cociño e comparto e Saberes e faceres domésticos. Respecto ao de cociña, celebrarase na Aula Sísifo de Formación de 19 de outubro ao 21 de novembro os luns de 19 a 22 horas e os sábados de 10.30 a 13.30 horas. O curso sobre tarefas domésticas impartirase tamén neste centro dende o 13 de outubro ao 15 de decembro os martes e xoves de 19.30 a 21.30 horas.

A edil do BNG subliñou que estes cursos "de moitísimo éxito" reflicten o traballo que desenvolve a Concellería de Igualdade, así como un dos seus principais obxectivos, que consiste en "proporcionar ferramentas para superar as desigualdades na vida cotiá". Seguindo explicou Iolanda Veloso, os cursos tratan de "salvar a desigualdade na adquisición de coñecemento e o reparto de tarefas". Neste sentido, explicou que son as mulleres as que transmiten os coñecementos sobre a cociña e o coidado da roupa ás propias mulleres, mentres que os homes non reciben esta preparación. Do mesmo xeito, as mulleres non contan cos coñecementos desenvolvidos tradicionalmente por homes, relacionados coa reparación dos pequenos electrodomésticos ou a electricidade e a mecánica do automóbil.

Ademais, o programa organiza dous cursos mixtos, Podo comunicarme mellor e O coidado das persoas dependentes, co obxectivo de que homes e mulleres "se complementen no desenvolvemento deste tipo de tarefas". O curso Podo comunicarme mellor terá lugar dende o 21 de outubro ao 16 de novembro na Casa de Mulleres os luns e os mércores de 18.30 a 21 horas. Pola súa banda, O coidado das persoas maiores impartirase do 15 de outubro ao 24 de decembro no Centro de Estudos de Povisa os martes e xoves de 18.30 a 21 horas.
Descargar todas as imaxes