Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
martes, 24 de febreiro de 2015

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O concelleiro de Deportes di que o Galiexpo Motorshow "convirte a Vigo na capital do tuning"

Manel Fernández, concelleiro de Deportes, anunciou hoxe que "Vigo será a capital do tuning esta fin de semana" grazas ao salón Galiexpo Motorshow que cumpre a súa novena edición no recinto ferial de Ifevi. Dende este venres ao mediodía ata o domingo ás 20:00 horas, o Ifevi acollerá a un gran número de expositores de clásicos, tuning, coches americanos, vehículos todoterreo, motos e náutica.





O salón evolucionou tanto que a súa oferta abrangue múltiples sectores que sorprenderán na cita viguesa con "novas iniciativas, propostas e ilusións a desenvolver", explicou o edil.

O Concello, que se envorcou con esta feira, entende que con esta actuación "pódense observar as novas tendencias no mundo do automóbil". Dentro da acción municipal para esta festa do tuning, o Concello patrocina o Trofeo Concello de Vigo Top 25 Tuning, no que participarán preparadores de coches de España, Portugal e Francia. Durante o sábado e o domingo disputarase cos vinte e cinco mellores.

Joaquín Portabales, desde a organización do Galiexpo, afirmou que coa nova dimensión do evento, que toca ata a moda ao apostar polo outlet e a presentación de novas creacións de dous novos deseñadores galegos, esta feira "é para toda a familia". O prezo da entrada diaria é de 5 euros. Unha das sensacións da fin de semana será a preparación (tuneado) en directo dun BMW serie 3 E30. A transformación realizarase ao longo dos tres días.

O salón contará co habitual espectáculo do "drift" no pavillón 3 (con limitación de aforo por cuestións de seguridade), con exhibicións a cargo do Power Drift Team o sábado (18:40 horas) e o domingo (18:10), ademais da presentación de dous novos modelos de moto, a Honda VFR800X e a VFR800, e incorpora dúas novas apostas: o slot (o popular scalextric) e a mostra de caravanas e autocaravanas.

Así, o primeiro Campionato do Noroeste correrá a cargo da Asociación Xuvenil Mosslot, de Mos, e disputarase o sábado a partires das 17:00 horas. Manuel Mariño, o seu representante, anunciou case un centenar de competidores de Vigo, Mos, Astorga e León para unha modalidade do slot menos coñecida: o rallye. "Queremos levantar este hobby", sostivo Mariño.

Portabales e Ricardo Goñi agradeceron o apoio do Concello, tanto dende Alcaldía como pola Concellería de Deportes porque "foi complicado chegar aquí e sen o Concello non poderiamos realizar este evento", indicaron.
Mais noticias
"Vigo é música" no Auditorio Municipal


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003