Escoitar

O tenente de alcalde di que a apertura da Pinacoteca amosa o compromiso coa recuperación e dinamización do Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, fixo hoxe unha visita previa á inauguración da Pinacoteca do Museo da Cidade "Quiñones de León", cunha exposición de 166 obras de 83 autores, baixo o título "O fermoso rostro do país". Segundo destacou o nacionalista, coa apertura deste novo centro cultural ubicado no restaurado Pazo de Arias Taboada, o Casco Vello recibe o maior investimento municipal da súa historia, cun total de máis de 27 millóns de euros, dos que 4,6 millóns de euros destináronse á posta en marcha da Pinacoteca.

venres, 25 mar 2011
1301069431Pinacoteca.JPG
"Acostumados como estamos nesta cidade a que os proxectos desta envergadura se eternicen no tempo, e exemplos temos dabondo, é unha gran noticia que en menos de dous anos foramos quen de sacar adiante unha infraestrutura básica para artellar a oferta cultural da cidade", subliñou o tenente de alcalde. Salientou que esta nova infraestrutura terá un papel decisivo na recuperación e dinamización do Casco Vello debido a súa situación estratéxica no barrio.

Ademais, para Santi Domínguez, a apertura desta Pinacoteca xogará outra das funcións fundamentais asumidas dende as áreas de Cascos Históricos, Cultura e Patrimonio Histórico. Considerou que permitirá "amosar ao mundo, nas condicións axeitadas, un dos maiores tesouros da cidade", como é a máis importante colección da arte galega contemporánea que ten nos seus fondos o Concello de Vigo. A modo de exemplo da importancia da colección que dende hoxe se poderá ver na Pinacoteca, destacou que as obras que a integran teñen un valor de tasación superior aos 35 millóns de euros.

Santi Domínguez destacou que será un elemento central na Rede de Museos Municipais, que ten o obxectivo de reorganizar e poñer en valor os contentores culturais. Ao respecto salientou o investimento feito en cultura, non só coa apertura da Pinacoteca, senón tamén co inicio das obras no Centro Galego de Fotografía, a remodelación do Auditorio Municipal e a inauguración feita onte da Biblioteca Xosé Neira Vilas.

Santi Domínguez agradeceu o labor do concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, para acadar estes obxectivos e poder visualizar hoxe a mostra "O fermoso rostro do país". Será unha exposición viva, xa que sobre ela iranse facendo variacións ao longo do tempo para ir presentando todos os fondos. Ademais, o inmoble conta tamén coa Sala do Autor, que será o espazo destinado ás exposicións temporais e que periodicamente se adicará a un autor concreto.

Eudosio Álvarez destacou que a accesibilidade das visitas para as persoas condiscapacidade "está garantida", mediante as audioguías que están dispoñibles en tres idiomas, galego, castelán e inglés. Ademais, agradeceu ao equipo do Museo da Cidade "Quiñones de León", porque asegurou que tamén grazas a eles foi posible abrir esta nova Pinacoteca. Os autores do proxecto, Julio Rodríguez e Daniel Rivoira, explicaron que a superficie expositiva é de 1.475 metros cadrados organizados nunha planta baixa, tres andares, un soto e un cuarto andar que corresponde coa torre do pazo.
Descargar todas as imaxes