Escoitar

O tenente de alcalde anuncia a creación dun centro de recepción de visitantes e unha liña de turismo familiar

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, avanzou este venres as principais medidas que se porán en marcha ata final de ano no marco do Plan de Competitividade Turística de Vigo, asinado o pasado 29 de outubro. Serán 21 actuación, que contan cun orzamento de 400.000 euros. Nun almorzo informativo con xornalistas, o tenente de alcalde salientou, entre outros proxectos, a creación dun Centro de Recepción de Visitantes de Vigo e unha liña de turismo familiar e escolar que permita coñecer a cidade en dous ou tres días.

venres, 27 nov 2009
1259331658PCTV.jpg
Santi Domínguez salientou que estas primeiras 21 medidas constitúen "ferramentas que asegurarán o desenvolvemento do Plan ao longo do 2010". No acto, no que participaron a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e a representante da Federación Provincial de Hostelería, Beatriz Carballido, o nacionalista indicou que os proxectos foron xa aprobados na primeira comisión de seguimento do Plan de Competitividade Turística de Vigo, que conta con representación das tres administracións (Concello, Xunta e Estado) e da Federación de Hostelería.

Na relación de medidas desglosadas polo tenente de alcalde, salientou que a implementación da liña de turismo familiar incluirá rutas temáticas que posibiliten coñecer a cidade en dous ou tres días e está dirixida a familias con nenos pequenos e grupos de escolares de fóra da cidade. O material permitirá realizar visitas autoguiadas a través de descargas dende a web, o móbil, mp3 ou con impresos.

Respecto á creación do Centro de Recepción de Visitantes de Vigo, destacou que se está traballando para na Estación de Ría, espazo dependente de Zona Franca. Sinalou que o primeiro paso consiste en encargar o proxecto básico, pero que podería estar en funcionamento a mediados de 2010.

Santi Domínguez fixo referenza ao proxecto de formación de voluntariado turístico de Vigo, dirixido a persoas maiores de 65 anos e presentado hai uns días. Lembrou que esta iniciativa permitirá ter un grupo de 50 persoas preparado para atender as demandas dos turistas nas épocas de maior afluenza de visitantes. Destacou, por outra banda, a necesidade de elaborar un argumentario turístico da cidade e un protocolo de atención ao público.

O proxecto de execución de experiencias piloto vivenciais sobre a cultura mariñeira da Ría de Vigo foi outra das medidas sinaladas polo tenente de alcalde. Neste sentido avanzou que se realizarán a bordo do Hydra II e que "permitirán coñecer a ría dende outro punto de vista e dar a coñecer oficios tradicionais relacionados co mar". Co obxectivo de "ter imaxes diurnas e nocturnas en tempo real da cidade", Santi Domínguez anunciou a instalación de cámaras web na terraza do Concello, así como a colocación de outras catro en lugares turísticos da cidade. Asemade, indicou que as casetas de Información turística serán empregadas como "escaparates permanentes da cidade" mediante a instalación de pantallas de plasma que amosen carruseis informativos sobre a cidade.

Respecto ás novas tecnoloxías, o nacionalista mencionou dous proxectos de internet, un dirixido aos descendentes galegos no exterior e outro para estudantes da Universidade de Vigo. Por outra banda, anunciou a renovación da web de Turismo de Vigo, co obxectivo de adaptala ao Plan de Competitividade Turística, e a adquisición de diverso material para difundir a imaxe da cidade. Neste sentido sinalou que o Concello de Vigo adquirirá o vídeo "Vigo polos 5 sentidos"; o dereito de usos de debuxos de Vigo do artista Pepe Carreiro; o dereito de usos de textos divulgativos sobre Martín Codax, na actualidade propiedade de Xesús Alonso Montero; de fotografías de Vigo; de gravacións sonoras de Vigo; así como o dereito de uso exclusivo de deseño, texto e fotos para a sección gastronómica da web Turismo de Vigo.

Outros proxectos aos que fixo referenza o tenente de alcalde é a anovación dos textos da guía locutada do bus turístico, co deseño dun novo percorrido, e a adquisición de merchandaising turístico de Vigo, para empregar en feiras e eventos. Santi Domínguez menciounou tamén o deseño e manual de uso da imaxe do Plan de Competitividade Turística de Vigo, Turismo Urbano e de Ría, e a análise de fluxos turísticos na cidade e a súa relación coa paisaxe urbana.

O tenente de alcalde sinalou que estas 21 medidas recollen dous apartados fundamentais do Plan: Os aspectos relacionados coa ría e os deportes náuticos e a creación dunha estrutura estable que permita ao Concello de Vigo "planificar o traballo de captación de turistas e novos medianos a longo e mediano prazo", destacou.

A delegada da Xunta en Vigo, salientou que o Plan de Competitividade Turística é "fundamental para potenciar o sector turístico da cidade" e que será unha "ferramenta moi valiosa" para poñer en valor o potencial cultural e turístico de Vigo. Asemade, manifestou a súa satisfacción como representante da Xunta pola colaboración entre as distintas administracións para poñer en marcha este proxecto.

Segundo apuntou Lucía Molares, os obxectivos fundamentais do Plan son a desestacionalización da demanda e a internacionalización do produto turístico de Vigo. "Neste momento de crise, Vigo ten que seguir buscando formas de creación de riqueza e emprego, para que este sexa máis estable e máis profesional", destacou.

A representante da Federación Provincial de Hostelería, Beatriz Carballido, salientou a colaboración desta entidade na comisión de seguimento para acadar que o sector "estea ben reflexado" e neste sentido expresou a disposición da Federación para seguir traballando. "A cidade de Vigo temos que vendela, pero non dun xeito aillado, senón que é preciso coordinar a todo o sector", dixo. Destacou o papel que xogan os hoteis na recepción e orientación aos turistas, e incidiu na importancia de que os traballadores deste sector coñezan a información turística sobre a cidade.
Descargar todas as imaxes