Escoitar

O tenente de alcalde homenaxea aos traballadores que están a facer posible a transformación do Casco Vello

Por primeira vez na cidade, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, ofreceu hoxe unha homenaxe aos traballadores e traballadoras que están facendo posible a transformación do Casco Vello de Vigo. O nacionalista quixo agradecer a todas as persoas implicadas o seu traballo nos últimos meses na tarefa de reconquistar o barrio histórico da cidade e lles fixo entrega dun diploma acreditativo da súa participación neste proxecto.

venres, 27 nov 2009
1259331587traballadores.jpg
"A razón de ser dun representante político é elevar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e a razón de ser non pode ser outra que os traballadores e traballadoras se sintan partícipes da transformación que queremos facer", explicou na súa intervención. Destacou que dende Tenencia de Alcaldía reitera que o seu obxectivio é traballar para a xente, "que é o que vós facedes nas horas adicadas a reconquistar o Casco Vello".

Santi Domínguez indicou que os responsables políticos plantean proxectos e iniciativas, "pero non seriamos nada sen os traballadores e traballadoras", recoñeceu. Neste sentido lembrou que precisamente Vigo medrou grazas a eles, polo que a cidade "ten que ser a cidade da calidade de vida dos traballadores e traballadoras". Segundo o tenente de alcalde, en tempos de crise "o menos que podemos facer é agradecervos o voso traballo".

"Quero dicirvos que dende as áreas xestionadas polo BNG no goberno municipal, os traballadores e traballadoras sodes un dos nosos obxectivos prioritarios", afirmou Santi Domínguez. Asemade, agradeceu a presenza na recepción que tivo lugar na Praza da Constitución aos representantes sindicais.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, salientou que é a primeira vez que Vigo homenaxea aos traballadores, técnicos e persoal dos distintos oficios que teñen traballado no Casco Vello de Vigo, co obxectivo de "recoñecer o seu traballo e a súa implicación". Neste mesmo sentido intervíu o xefe técnico dos servizos municipais, Juan Aguirre, en representación de todos os traballadores e traballadoras.

Precisamente, o diploma entregado no acto expresa o agradecemento persoal do tenente de alcalde aos traballadores e traballadoras pola "colaboración na recuperación e rehabilitación do noso Casco Histórico, un valioso traballo para a nosa cidade que coincide co Bicentenario da Reconquista de Vigo".
Descargar todas as imaxes