venres, 4 abril 2025

O alcalde destaca a "cooperación permanente" das empresas de Conxemar na presentación da Fundación Fish Nation

venres, 4 abr 2025

Abel Caballero afirmou este venres, no acto de clausura das presentacións da "Fundación Fish Nation" e de "A Guía de Sostibilidade", organizada por Conxemar no Museo do Mar, que a organización que reúne ás empresas internacionais que elaboran produtos do mar conxelado representa "a forma de entender o mundo desde a cooperación permanente", tanto durante a feira anual como nas relacións comerciais que se manteñen ao longo dos anos. O alcalde incidiu na transcendencia da pesca conxelada polas súas vertentes de sostibilidade e de produto alcanzable para a economía e saúde dos consumidores. O rexedor, ao tempo que destacou o esforzo investidor das empresas do conxelado por contar con barcos e equipamentos con tecnoloxías de última xeración, referendou a colaboración do Concello de Vigo co sector como se constata en cada edición de Conxemar.

Caballero inaugura o "I Congreso Estatal de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa" ante 200 especialistas

venres, 4 abr 2025

O alcalde reclamou hoxe, ante os 200 especialistas que participan no "I Congreso Estatal de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa", que ten lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro, a dotación de máis recursos para que os especialistas conten co mellor contexto e medios técnicos para desenvolver o seu traballo e atención médica dunhas patoloxías que afectan de forma maioritaria ás mulleres. Abel Caballero expresou a vontade de colaboración do Concello de Vigo, asegurando que "estaremos presentes no que poidamos contribuír".

O rexedor entrega as medallas da carreira solidaria do Colexio Possumus en favor dun colexio kenyano

venres, 4 abr 2025

Abel Caballero entregou hoxe as medallas da carreira solidaria organizada polo Colexio Possumus, que este ano coincide co Día mundial da actividade física e o deporte, en favor do colexio kenyano, Habari Njema Hope School. A iniciativa, liderada pola directora do centro, Alba Villar, serve para dotar ao centro de aulas e corredores con solo de cemento, así como para reparar pingueiras, arranxar xanelas e portas, ademais de iniciar a construción dunha aula nova. O Concello colabora coas 230 medallas recibidas polo alumnado do centro.