Escoitar

Un novo protocolo evitará a reapertura das rúas xa reformadas

O alcalde, Abel Caballero, anunciou a instauración dun protocolo de actuación nas obras de urbanización da cidade que obrigará á coordinación previa de todos os departamentos implicados no traballo. O obxectivo final do goberno é evitar que se abran rúas que xa foron reformadas por falta de planificación.

luns, 12 mai 2008
1210597928imagen124.jpg
O goberno aprobou este luns en Xunta de Goberno Local a instauración dun protocolo de actuación nos proxectos de urbanización, que facilitará a coordinación entre os diferentes departamentos para evitar que sexa necesario abrir unha rúa que xa foi reformada recentemente.

Co protocolo disposto, e unha vez aprobado o proxecto, o inicio das obras unicamente poderá realizarse tras a firma da Acta de Comprobación de Replanteo, que inclúe un plan de seguridade e saúde, coa súa acta de aprobación correspondente, e un plan de control de calidade. Para a sinatura da Acta será necesario que estean presentes o Técnico da Xerencia de Urbanismo, o Técnico Supervisor Municipal, o promotor, o contratista, o Técnico Director das Obras e o Coordinador de Seguridade e Saúde.

Deste xeito, o protocolo establece as pautas de actuación e garante o visto bo de todos os departamentos implicados, evitando que unha obra rematada recentemente teña que ser aberta de novo ao faltar algún servizo o actuación.

Comisión de seguridade do Concello
A Xunta de Goberno aprobou asemade a constitución dunha Comisión de Seguridade para a protección do persoal e do material do Concello de Vigo. O alcalde asegurou a existencia dunha "lagoa moi importante" de seguridade no Edificio Consistorial, con denuncias de subtracción de material nalgúns departamentos.

Para solventar esta circunstancia, o goberno local decidiu crear unha Comisión, encabezada polo Concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, que estudará en profundidade a situación actual de seguridade do edificio, para elaborar unha proposta de medidas a adoptar para mellorar a situación. O seguinte paso será a posta en marcha das actuacións plantexadas e o seguimento do seu funcionamento. O alcalde asegurou que os expertos valorarán a posibilidade de instalar cámaras.
Descargar todas as imaxes