Escoitar

A Comisión pola Memoria Histórica acorda eliminar os símbolos franquistas da Casa das Artes

A primeira reunión da Comisión Consultiva da Memoria Histórica rematou coa decisión de eliminar os símbolos franquistas do edificio da Casa das Artes, e a súa substitución por un elemento arquitectónico acorde coas características da construción. Deste xeito, os arquitectos plantexarán a alternativa que reemprazará, tras a súa aprobación por parte da Comisión de Goberno, á simboloxía franquista.

luns, 7 xan 2008
1199715946memoria070108.jpg
Os membros da Comisión acordaron que cada actuación para a aplicación da lei en Vigo contará co consenso de todos os integrantes da mesma. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que nas próximas datas manterá unha reunión co bispo da diócese para consensuar a aplicación da lei tamén nas edificacións relixiosas.

Do mesmo xeito, os integrantes da Comisión plantexaron elaborar un listado de todos os símbolos franquistas presentes aínda na cidade, de acordo coa lei, para tomar as decisións axeitadas en cada caso.

Á Comisión non asistiu o grupo municipal popular nin a Confederación de Empresarios, feito que lamentou o alcalde de Vigo. Abel Caballero animou o PP "a reconsiderar a súa postura e unirse ás seguintes reunións" para acadar o máximo consenso posible. O primeiro encontro da Comisión contou coa presenza do alcalde, voceiros do PSOE e do BNG, representantes de UXT, CIG e CCOO, da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica e da Agrupación de Centros Culturais e Deportivos de Vigo.
Descargar todas as imaxes