Escoitar

O Centro de Día Atalaia é un dos 14 primeiros da Rede Pública do Sistema Galego de Benestar

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou este venres no Centro de Día Atalaia a Rede Pública de Centros de Día do Sistema Galego de Benestar. Este centro é un dos 14 primeiros que se están a pór en marcha en Galicia. A Vicepresidencia da Xunta, segundo confirmou a concelleira María Méndez, ten previsto iniciar ao longo deste ano as obras dun novo centro de día en Vigo, que se ubicará na rúa O Grove.

venres, 4 xan 2008
1199452859benestarsocial040108.jpg
Neste momento, o Centro de Día Atalaia conta xa con todo o seu persoal e estase no proceso de recollida de solicitudes dos posibles usuarios. Anxo Quintana salientou durante o acto de presentación da Rede Pública de Centros de Día que esta é "o resultado dun compromiso, dunha idea de país e dun esforzo de xestión na implantación do Sistema Galego do Benestar".

Para o vicepresidente da Xunta esta iniciativa demostra o compromiso do seu Goberno coas persoas maiores e coas súas familias, xa que "son centros pensados para ofrecer unha atención terapéutica integral, que fomenten a autonomía dos maiores e garantan a súa permanencia no seu contorno de referencia, un recurso de proximidade e de calidade que busca retrasar o máis posible as situacións de dependencia".

A posta en marcha destes centros supón a creación de 400 novas prazas de atención diúrna e de 136 postos de traballo. O vicepresidente da Xunta anunciou que ao longo de 2008 vanse pór en funcionamento outros 20 centros de día máis e, segundo explicou, o obxectivo é chegar aos 55 centros ao remate desta lexislatura.

En Vigo, ademais da posta en marcha do Centro Atalaia, está previsto que este mesmo ano se inicien as obras doutro na rúa O Grove. A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou ao remate do acto que está a piques de licitarse o proxecto e a execución das obras desta nova infraestrutura.

Méndez valorou moi positivamente a celeridade da Vicepresidencia na tramitación deste proxecto, xa que o Concello cedeu os terreos hai dous meses e xa está en fase de licitación. O centro da rúa O Grove podería estar en funcionamento a principios do vindeiro ano con 70 novas prazas, que se virían sumar ás 40 prazas do Centro Atalaia.
Descargar todas as imaxes