Escoitar

O Concello porá en marcha unha unidade de información para inmigrantes e emigrantes retornados

O Concello de Vigo vai pór en marcha unha unidade de información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral para inmigrantes e emigrantes retornados. Así o contempla o proxecto de convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia aprobado este luns polo Goberno municipal.

luns, 7 xan 2008
1199713674xunta070108.jpg
A mencionada unidade encargarase de informar os inmigrantes e emigrantes retornados sobre a súa situación xurídica e trámites administrativos necesarios dada a súa condición. Deste xeito, a unidade asesorará na tramitación de permisos como os de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade e agrupamento familiar, así como sobre as posibles prestacións sociais, educativas ou sanitarias ás que teñan dereito.

Ademais, a través deste servizo facilitaráselles aos inmigrantes e emigrantes retornados todo tipo de información sobre programas formativos e de orientación e inserción laboral, así como sobre outras axudas ás que poidan ter acceso e que faciliten a súa inserción no mercado laboral.

Finalmente, a unidade contemplada no proxecto de convenio promoverá a incorporación dos inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria, mesmo a través de intervencións individuais e familiares.

O proxecto de convenio establece os termos da colaboración entre o Concello de Vigo e a Secretaría Xeral de Emigración ata o remate de 2009, con achegas económicas por parte da Xunta de Galicia de 82.000 euros para 2008 e de 83.500 euros para o ano que vén.

Entroido 2008

O Goberno local tamén aprobou este luns outro proxecto de convenio, desta vez entre o Concello, a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e a Federación de Peñas Recreativas "El Olivo", para a organización da programación do Entroido de 2008, que se desenvolverá do 31 de xaneiro ao 6 de febreiro.

En concepto do estipulado no referido convenio, o Concello achegará cerca de 70.000 euros á Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, mentres que "El Olivo" recibirá 46.500 euros.

Centro de interpretación

Por outra parte, a Xunta de Goberno acordou solicitar da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente a cesión da edificación coñecida como Casa das Saíñas, situada na xunqueira do Lagares e que actualmente presenta un notable estado de abandono.

A intención do Concello é rehabilitar e acondicionar a Casa das Saíñas para utilizala, por medio dun protocolo de colaboración coa Asociación Fontaíña, como centro de interpretación con usos divulgativos, educativos e conservacionistas ligados ao medio ambiente e en especial ao contorno natural da xunqueira do Lagares. Os destinatarios principais desta iniciativa son os alumnos e alumnas de centros escolares, que a través de visitas ao centro de interpretación poderían coñecer mellor a zona mencionada e o seu valor ecolóxico, adquirindo ao mesmo tempo unha maior concienciación medioambiental.

O Concello solicitará financiamento á Xunta de Galicia e a outras posibles institucións interesadas na rehabilitación da Casa das Saíñas para a execución das obras necesarias, cuxo orzamento se estima nunha cantidade total de 78.600 euros.
Descargar todas as imaxes