Escoitar

Tardes e Noites Vivas segue ofrecendo actividades de ocio para os mozos e mozas

A Concellería de Xuventude, en colaboración con diferentes entidades da cidade, puxo en marcha unha nova edición do programa "Tardes e Noites Vivas", no que se oferta un amplo abano de actividades dirixidas á poboación xuvenil como alternativas de ocio nas fins de semana.

venres, 26 out 2007
1193404917noitesvivas.jpg
Conexión a internet, tocar a guitarra co teclado do ordenador (Frets on fire), fotos en movemento (Slide-show), xogar coa consola Wii (Noites de Wiicio), chat, messenger, bluetooth, conexión wifi ou liga de xogos en rede son algunhas das actividades gratuítas nas que poderán participar os mozos e mozas da cidade nas tardes e noites do venres e sábado, ás que se suma a posibilidade de participar no sorteo de miles de regalos (Mp4, marcos dixitais, altavoces para PC con web cam e micro, bicicletas plegables e bolsas-petate).

Entre as 17.00 e as 01.00 horas do venres e do sábado estarán abertos varios espazos da cidade onde se poderán realizar actividades moi diversas. Así, os que están conectados ás novas tecnoloxías terán a oportunidade de atoparse con máis xente cos mesmos gustos nas actividades de internet, chat, messenger, bluetooth, conexión wifi, liga de xogos en rede, frets on fire (tocar a guitarra co teclado do Pc), Slide-show (fotos en movemento) e as noites de wiicio (xogos coa consola wii).

Os que necesitan máis movemento teñen á súa disposición diferentes modalidades de bailes: latinos, moderno, danza oriental, hip-hop, capoeira e break-dance.

Os obradoiros, para os mozos e mozas que gustan de aprender traballando coas mans, inclúen artesanía en coiro, cociña mediterránea, iniciación ao teatro, reflexoterapia, pandeireta e chapas, entre outros.

Para os que gozan queimando adrenalina e practicando deportes haberá parkour space, cardio-box (aeróbic e boxeo), fútbol sala, pachangas, baloncesto, musculación e squash.

Pola súa parte, os amantes dos xogos poderán participar en partidas de rol, de mesa, de estratexia e enxeño, xadrez e tenis de mesa, entre outras posibilidades. E os que simplemente buscan quedar cos amigos nalgún lugar onde falar ou xogar ao seu aire disporán do Espazo Aberto.

Ademais, a vindeira fin de semana terá lugar a presentación de "Ti es a estrela", un espazo onde os mozos e mozas poderán amosar as súas dotes artísticas (música, monólogos, baile...)

A todo isto hai que engadirlle a posibilidade de recibir un dos agasallos participando no sorteo de 25 MP4, 20 marcos dixitais, 20 altavoces con webcam e micro e 3 bicicletas plegables.

Pódese atopar a programación completa: na páxina web da Concellería de Xuventude (www.xuventudevigo.org), na Casa da Xuventude (López Mora, 31), no Punto Xove (r/ López de Neira, 27), no Espazo Xove do Castro (no Monte do Castro, ao carón da pista de bicicletas) e nos stands da Concellería de Xuventude nos diferentes centros comerciais, institutos, etc.

Os espazos nos que se poderán desenvolver estas actividades son:
Espazo Xove do Castro (no Monte do Castro, ao carón da pista de bicicletas): venres e sábados de 17.00 a 23.00 horas.
Punto Xove (r/ López de Neira, 27): os venres e sábados de 22:00 a 1:00h.
Pavillón deportivo do Instituto de Ensino Secundario O Castro (r/J.G. Posada Curros, 1. Entrada polo lateral, fronte á pista deportiva): venres e sábados de 22:00 a 1:00h.
Pavillón Municipal de Deportes do Berbés (r/ Jacinto Benavente,1): venres e sábados de 23:00 a 1:30h.
Pavillón Municipal de Deportes de Coia (Avda. Castelao s/n): os venres de 23:00 a 1:00h.
A.X. Cancerbero (r/ Heraclio Botana, 6 Baixo esquerda): os venres de 22:00 a 2:00h.
A.V. Camiño V. De Coia (r/ Marín, 1): os venres de 19:00 a 22:00h.

Máis información: Casa da Xuventude (López Mora, 31), Teléfono: 986 294 806, correo electrónico xuventude@vigo.org.
Descargar todas as imaxes