Escoitar

O Festival Are-More achegará a música clásica a todos os públicos do 30 de outubro ao 17 de decembro

Facer chegar a música clásica a todos os públicos. Este é o obxectivo fundamental do Festival de Música de Vigo Are-More 2007, que foi presentado este xoves no Concello. Do 30 de outubro ao 17 de decembro, variadas propostas, entre as que se inclúen conferencias e cine musicado, repartiranse por diversos puntos da cidade dentro dunha iniciativa que alcanza xa a súa oitava edición.

xoves, 25 out 2007
1193323937aremore251007.jpg
Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Xesús López, unha das finalidades principais do Are-More é a captación de novos públicos para a música clásica. Así, está previsto que acudan aos concertos do festival un total de 3.000 escolares, ademais doutras 2.500 persoas dentro da oferta para familias.

López sinalou que nesta edición a organización do festival tivo que recorrer a unha "readaptación dos espazos", ao non estar dispoñible o Teatro Fraga. Así, as actividades do Are-More repartiranse entre o Teatro Salesianos, onde terán lugar os concertos con máis público, o Auditorio Municipal, as igrexas de María Auxiliadora e Santiago de Vigo, o Verbum, onde se desenvolverán concertos para bebés, e a Fundación Caixagalicia, que albergará as conferencias.

Como novidade da edición deste ano, Xesús López salientou a potenciación do ciclo de cine non sonoro "Músicas para o silencio", consistente na proxección musicada de películas de cine mudo. O concelleiro adiantou que este ciclo "vai duplicar a súa presenza neste programa", dado o éxito colleitado nas súas anteriores edicións.

Pola súa parte, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, destacou a "continua progresión" do festival, do que afirmou que é xa unhas das actividades necesarias para o reforzamento da identidade e da proxección exterior de Vigo.

Tamén asistiu á presentación do Are-More 2007 a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deportes, María Xesús Escudero, quen eloxiou os "obxectivos de formación, difusión e lecer" do festival, que conta, dixo, cunha perspectiva libre dos clichés que acompañan a percepción da música clásica por parte do público en xeral.

Neste sentido, o encargado da dirección artística do festival, Roberto Relova, fixo fincapé no carácter "non elitista" do Are-More, unha inciativa "para todos os públicos" e "sen etiquetas" que busca a formación de públicos "con miras ao futuro Auditorio". Relova lembrou, ademais, que o Are-More conmemorará este ano o 400º aniversario do nacemento da ópera coa presenza da mezzosoprano Angelika Kirchschlager, dentro dun ciclo, "Paixón e música", no que tamén salientou ao guitarrista Pablo Sáinz Villegas.

A xerente territorial de Pontevedra da Fundación Caixagalicia, Gloria Rodríguez, incidiu nestes puntos de vista sinalando que "o importante é que a xente consiga coñecer de preto a música clásica, para que lle pareza algo divertido e próximo".

Pola súa parte, a vicerreitora de Extensión Cultural da Universidade de Vigo, María del Carmen Cabeza, salientou a importancia da "liña didáctica" do Are-More, un festival, dixo, "que trata de chegar a toda a xente".

José Luis Ibáñez, director da delegación en Galicia de Aqualia, empresa que participa no Are-More patrocinando concertos, mostrou o seu desexo de que esta colaboración poida prolongarse "durante moitos anos máis".

Tamén patrocina concertos do Are-More El Corte Inglés, cuxo responsable de Relacións Externas, José Manuel Blanco, estivo presente na presentación deste xoves para mostrar a identificación total da empresa que representa "cos valores do festival".
Descargar todas as imaxes