Escoitar

A Concellería de Turismo inicia unha experiencia piloto co patrocinio ao Club Xuvenil de Teis de voleibol

O patrocinio ao Club Xuvenil de Teis de voleibol inicia "unha fase importante na integración dos equipos de elite de Vigo que participan en diversas competicións na promoción da cidade", salientou esta mañá o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, na presentación do proxecto. Deste xeito, o Club Xuvenil de Teis pasará a chamarse equipo Xuvenil de Teis Turismo de Vigo.

mércores, 24 out 2007
1193231330teis241007b.jpg
Domínguez, que estivo acompañado na presentación desta iniciativa polo concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e o directo deportivo do clube, Pedro Miguel, afirmou que este o Xuvenil de Teis foi elixido para iniciar esta experiencia pioneira por unha motivación dobre: "a importancia do seu compoñente feminino, que supón unha forte aposta polo deporte feminino, e o coidado e o mimo que dispensan ás categorías de base".

Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, engadiu que o Club Xuvenil de Teis é "expoñente das cousas ben feitas e ben plantexadas", polo que interesa especialmente para "desenvolver o noso proxecto de cidade", salientou Alonso, sen esquecer a espectacularidade deste deporte.

O patrocinio contará cunha aportación de 12.000 a 15.000 euros por parte da Concellería de Turismo, cantidade que será concretada cando os gastos sexan analizados polo miúdo. O acordo entre o Xuvenil Teis e o Concello implica que o clube deberá encargarse de distribuír o material de Turismo de Vigo por aquelas cidades ás que teña que desprazarse para disputar as competicións deportivas.

Pola súa banda, o director deportivo do clube, Pedro Miguel, manifestou a súa gratitude ao Concello de Vigo e de xeito especial aos concelleiros de Turismo e de Deportes polo apoio prestado, "que foi grande e intenso e permitiu a creación de equipos para competir en cada categoría".

Finalmente, o tenente de alcalde indicou que non se desbota que esta poida ser a fórmula para colaborar con outros equipos da cidade, e adiantou que se está "a piques de pechar un convenio co equipo de fútbol feminino El Olivo".
Descargar todas as imaxes