Escoitar

A carreira popular "Correr e Andar" discorrerá por Vigo o 14 de outubro

O próximo 14 de outubro todos aqueles que o desexen poderán participar na carreira popular "Correr e Andar", que discorrerá por un circuíto urbano de 11 kilómetros. O prazo de inscrición péchase o 10 de outubro.

xoves, 4 out 2007
1191499046correreandar041007.jpg
A Delegación en Vigo da Federación Galega de Atletismo, co patrocinio da Concellería de Deportes, El Corte Inglés e Caixanova, organiza a carreira popular "Correr e Andar. Cidade de Vigo. Memorial Antonio Nieto Figueroa (Leri)", baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces.

A carreira sairá ás 10.00 horas do 14 de outubro da rúa Olímpicos, xunto ao Estadio Municipal de Atletismo de Balaídos e discorrerá por un circuíto urbano de 11 kilómetros, que pasará polos seguintes lugares: avenida de Citroën, Val Miñor, Fragoso, praza de América, Camelias, Venezuela, Gran Vía, El Corte Inglés, Urzaiz, República Arxentina, García Barbón, Porta do Sol, Elduayen, Paseo de Alfonso, Pi y Margall, López Mora, praza de América, avenida da Florida e Pablo Iglesias. A proba rematará no lugar de inicio: a rúa Olímpicos.

Poderán participar todas as persoas que o desexen, estean ou non federadas. A inscrición realizarase no Departamento de Deportes (2º andar) de El Corte Inglés, cubrindo o correspondente boletín. O prazo péchase o 10 de outubro ás 21.00 horas.

Tamén no Departamento de Deportes de El Corte Inglés retirarán os inscritos os seus dorsais, os días 11 e 13 de outubro de 16.00 a 21.00 horas. O día da carreira, os participantes deberán levar o dorsal no peito, ben fixado e visible.

Dado o espírito exclusivamente participativo e non competitivo desta proba, só recibirá trofeo o primeiro home e a primeira muller clasificados. Ademais, na liña de paso de Gran Vía e El Corte Inglés os corredores contarán con avituallamento. Os primeiros 2.000 en chegar á meta recibirán un vale para canxear por unha camiseta conmemorativa no Departamento de Deportes de El Corte Inglés e haberá un sorteo de agasallos entre todos os participantes.
Descargar todas as imaxes