Escoitar

Adiada ata o luns a proposta de orzamento da Xerencia de Urbanismo para 2008

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo reunirase con carácter extraordinario o próximo luns ás 10.00 horas para decidir se lle propón ao Pleno a aprobación do orzamento do organismo autónomo para 2008, que ascende a 6,5 millóns de euros.

xoves, 4 out 2007
1191494658xeren041007.jpg
Esta proposta estaba incluída na orde do día do Consello da Xerencia deste xoves, pero foi retirada polo alcalde, Abel Caballero, para que os grupos políticos poidan estudala con tempo.

O orzamento da Xerencia Municipal de Urbanismo para 2008 contempla un incremento dun 15,72% na previsión de ingresos e gastos respecto do exercicio 2005, prorrogado ao 2006 e 2007. O importe total ascende a 6,5 millóns de euros, fronte aos 5,6 millóns do exercicio pasado.

As previsións de ingresos por taxas increméntanse nun 2,4%, reflectindo a suba dos tipos impositivos recollida nas ordenanzas fiscais de 2008. Ademais, a achega do Concello aumenta un 34,46% respecto a exercicios anteriores. Segundo reza a proposta, estas previsións de ingresos permiten que se consigne crédito suficiente para atender os compromisos contractuais existentes, en especial os derivados dos contratos da revisión do PXOM, da Oficina de Rehabilitación e de redacción do Plan Especial do Ensanche.

Por outra parte, o orzamento da Xerencia para 2008 contempla a creación dunha Oficina Municipal para a Xestión da Vivenda e do Solo, así como o reforzo dos servizos existentes, especialmente o da Inspección Técnica de Edificios. Na proposta feita ao Consello da Xerencia contémplase un incremento da dotación de recursos humanos para aplicar estas medidas, que consistiría en cubrir seis prazas existentes na Xerencia e seis no cadro de persoal do Concello.

Por último, os investimentos de desenvolvemento urbanístico non se presupostan e realizaranse con cargo aos remanentes incorporados doutros anos e aos créditos xerados en función dos ingresos por xestión do Patrimonio Municipal do Solo que se vaian producindo.
Descargar todas as imaxes