Escoitar

Vivenda e Solo contrata por 4,9 millóns de euros as obras de urbanización do espazo verde de San Paio de Navia

A Consellería de Vivenda e Solo contratou por 4.911.139,86 euros a execución das obras de urbanización do Espazo Verde de San Paio de Navia. A empresa contratada disporá dun prazo de 14 meses para a execución das obras unha vez asinado o contrato.

venres, 21 set 2007
Ao concurso público convocado pola Consellería de Vivenda e Solo o pasado mes de xuño presentáronse un total de 17 empresas, resultando adxudicataria BRUES E FERNÁNDEZ por formular a proposición máis vantaxosa no seu conxunto, tendo en conta que a mesa de contratación valorou a proposta económica, a planificación da obra, o equipo humano dispoñible, os materiais a empregar, a experiencia da empresa en actuacións similares, e a rebaixa do prazo de execución proposto pola Consellería no prego de bases que rexeu o concurso público e que era de 18 meses.

O Espazo Verde desenvolverase na área central do Plan Parcial de Navia, limitado por catro viais, polos edificios construídos no lateral da Rúa Teixugueiras, e por dúas parcelas que albergarán equipamentos sociais, unha igrexa e un centro de saúde. O proxecto establece dúas grades zonas ben diferenciadas do futuro Parque de Navia: unha área verde e unha área urbana.

Ambas zonas están delimitadas por un muro de pezas cúbicas de granito gris e rosa, atravesado por escaleiras e rampas, que serven de conexión entre
ambas partes do parque.

O investimento de 4.911.139,86 euros para as obras de urbanización do Espazo Verde inclúe o movemento de terras e a pavimentación da superficie, así como a instalación da rede de pluviais, de rego e de alumeado público. Ademais, o orzamento de licitación contempla a instalación de todos os elementos característicos do parque como son a xardinería e o gran bosque de 15.000 metros cadrados, as pérgolas que albergarán 288 paneis fotovoltaicos para iluminar todo o parque, e os estanques e cascadas de auga.

No proxecto de urbanización a desenvolver cobra gran protagonismo a auga como elemento capaz de suxerir distintos ambientes e emocións, polo que tamén se contempla a creación dun xardín acuático e unha área de xogos de auga controlados por un procesador que xera movementos con acompañamento de luz e son. Estes sistemas funcionarán a través dun circuíto pechado que reutiliza a mesma auga minimizando o consumo.