Escoitar

O Goberno local quere introducir no Plan Xeral antes do 16 de novembro os cambios que propón

A concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, cualificou este venres de "razoable e de obrigado cumprimento" a reserva do 40% do solo edificable do novo Plan Xeral para vivenda de protección social, como parte dun conxunto de cambios que o Goberno local pretende introducir no documento antes de finalizar a primeira quincena de novembro.

venres, 28 set 2007
1190980516xerencia280907.jpg
En relación a estes cambios, Silva asegurou que o Goberno municipal quere, ademais, "dar resposta a todas e cada unha das obxeccións" recollidas na Orde da Consellería de Política Territorial do 19 de xaneiro, referentes á estratexia de crecemento que o PXOM debe contemplar.

Así mesmo, Carmen Silva adiantou que o Concello revisará os convenios incluídos no Plan Xeral para verificar o seu grao de cumprimento, o seu financiamento e o nivel de compromiso recollido neles.

Finalmente, o Goberno local quere satisfacer demandas "de carácter social" relativas a aspectos como o mantemento de tipoloxías de vivendas e o respecto a vivendas xa existentes en determinados ámbitos e a execución de realoxos.

Carmen Silva explicou que a introdución destes cambios no PXOM foi analizada na reunión mantida este xoves entre unha representación do Concello da que formaban parte ela mesma e a xerente de Urbanismo, Xulia Chamosa, e a dirección do equipo redactor do Plan.

Silva dixo esperar e desexar a colaboración do equipo redactor e lembrou, neste sentido, que se trata dunha asistencia técnica externa que "ten a obriga de traballar para quen a contrata". A concelleira asegurou que "sexa da forma que sexa estes cambios vanse introducir e vanse introducir en prazo".

De momento, os representantes do Concello e da empresa redactora volveranse reunir o mércores e venres próximos. O obxectivo do Goberno local é contar co PXOM así modificado antes de rematar a primeira quincena de novembro, para que o Pleno da Corporación poida aprobalo ese mesmo mes. Segundo afirmou Carmen Silva, deste xeito o Concello podería remitirlle o Plan á Xunta de Galicia con tempo suficiente para a súa aprobación definitiva antes de fin de ano.
Descargar todas as imaxes