Escoitar

As Brigadas de Proximidade inician as súas actividades con 54 traballadores

O alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, asistiron este xoves no Parque Central de Santa Cristina, en Lavadores, á posta en marcha das Brigadas de Proximidade, un novo servizo municipal que se dedicará a tarefas de mantemento e limpeza.

xoves, 27 set 2007
1190894802brigadas270907.jpg
As Brigadas de Proximidade comezan o seu traballo no marco dunha experiencia piloto na que participan 54 traballadores contratados en colaboración co INEM. Corenta e cinco destes traballadores (24 mulleres e 21 homes) realizarán labores de Vías e Obras, traballando en 11 grupos de asfaltado (3 grupos), albanelería (5), pintura (1), cerrallería (1) e carpintería (1), mentres que os outros nove (sete mulleres e dous homes) formarán parte de tres grupos de limpeza.

Os traballos que levarán a cabo as Brigadas de Proximidade consistirán, por unha parte, na reparación de muros, beirarrúas, pavimentos, lavadoiros e fontes e rexistros e outras actuacións de Vías e Obras, e por outra, no desbrozado de taludes e limpeza de cunetas. Para iso, as Brigadas contarán con maquinaria municipal facilitada polo Parque Móbil e vestiario subministrado ao persoal cumprindo a normativa de Prevención de Riscos Laborais.

Nesta primeira etapa da súa actuación, as Brigadas de Proximidade realizarán as súas actividades nas parroquias de Lavadores e Cabral, dado o elevado número de reclamacións que nelas se rexistra. Con todo, a intención do Concello é extender este servizo a todos os distritos de Vigo, para o cal contratará máis persoal no futuro.
Descargar todas as imaxes