Escoitar

Nova edición dos cursos "Vivir en parella é cousa de dous"

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou, este mércores no Concello, a quinta edición dos cursos "Vivir en parella é cousa de dous". Estes cursos, que están adicados a homes e mulleres, comezarán o vindeiro mes de outubro.

mércores, 26 set 2007
11908042462vivir260907.jpg
Despois do éxito obtido en anteriores convocatorias, a concellería de Igualdade, presentou este mércores a quinta edición dos cursos "Vivir en parella é cousa de dous", unha iniciativa destinada á conciliación da vida laboral e familiar, así como ao fomento da igualdade de xénero.

Os cursos ofertados este ano son seis, dos cales dous, están adicados exclusivamente a homes, e que teñen por obxetivo promover a adquisición de habilidades e coñecementos do ámbito doméstico con cursos de cociña e planchado. Haberá outros dous cursos só dirixidos ás mulleres que queran aprender fontanería e electricidade básica xunto con algo de mecánica, e outros dous, que serán mixtos, que tratarán sobre aspectos importantes para a comunicación de parella e cómo prestar unha boa atención ás persoas maiores que están ao noso cargo.

O prazo para inscribirse está aberto dende o pasado luns, 24 de setembro, e todos os homes e mulleres, maiores de 18 anos e empadronados en Vigo, que queran apuntarse poden facelo, até o 10 de outubro, na Concellería da Muller, situada na primeira planta do Concello.

Como complemento a estes cursos, Iolanda Veloso salientou que a súa concellería convocará, no mes de outubro, un curso adicado exclusivamente á xuventude, "Supervivencia doméstica", que axudará aos adolescentes a fomentar a autonomía persoal no ámbito doméstico e a potenciar a igualdade e a eliminación de estereotipos sexistas.
Descargar todas as imaxes