Escoitar

O Goberno local esixe a calidade especificada para as novas marquesiñas

O concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, expresou este mércores a postura do Goberno municipal en contra da aceptación de 127 novas marquesiñas de calidade inferior á contemplada na oferta gañadora do concurso para a contratación do mobiliario urbano.

mércores, 26 set 2007
1190810354marquesinas.jpg
Calviño lembrou que nesta oferta a empresa concesionaria, JCDecaux, "deixou claro" que a estrutura fundamental das novas marquesiñas sería de aceiro inoxidable, algo que non sucede cun conxunto de 127 estruturas que deberían ser situadas antes de fin de ano en puntos importantes para o tráfico da cidade.

O concelleiro culpou o anterior Goberno de permitir que se rebaixase a calidade destas marquesiñas e reiterou a súa posición contraria á súa aceptación por parte do Concello. Segundo asegurou Calviño, "en principio" a empresa concesionaria acolle favorablemente esta negativa.

Ademais, o concelleiro recordou que para as restantes 150 marquesiñas que deberán ser colocadas antes de rematar 2007 segue en pé a obriga legal de construílas tamén en aceiro inoxidable, seguindo as especificacións recollidas na oferta de JCDecaux.

Xulio Calviño engadiu que o prego de condicións do concurso do mobiliario urbano "non esixía o aceiro inoxidable", pero si indicaba "que se valoraría". Con todo, o concelleiro de Seguridade sinalou que "o crucial é a oferta" da empresa concesionaria, que "é o que se converte en obriga" para a execución do contrato. Neste sentido, Calviño lembrou que "o único órgano que pode modificar" esta oferta é a Xunta de Goberno Local.
Descargar todas as imaxes