Escoitar

O Enxalzamento do Traxe Galego alcanza este sábado a súa oitava edición

O Enxalzamento do Traxe Galego chegará este sábado, 16 de xuño, á súa oitava edición cun acto central que comezará ás 21.00 horas, en principio na praza do Berbés, aínda que, en caso de chuvia, se celebrará no Auditorio do Concello de Vigo.

venres, 15 xuñ 2007
1181903613traxegalego3.jpg
Será alí, de feito, onde comezará a xornada, ás 17.30, hora na que o xurado se reunirá a porta pechada para outorgar os premios deste ano. Catro expertas e artesás do traxe tradicional galego comporán o xurado: Marina Ramilo, Alicia Ramilo, Mª Carmen Lorenzo e Mª Carmen González.

O xurado vai outorgar seis premios de 230 euros cada un deles, tres masculinos e tres femininos, nas categorías de Mellor Traxe Individual, Mellor Traxe de Cotío e Mellor Traxe Antigo. Haberá un premio de 310 euros para o Mellor Grupo, que debe estar formado por máis de dez persoas. Por último, o neno e a nena mellor vestidos recibirán un obsequio.

Unha vez decididos os galardóns, todos os participantes no Enxalzamento (o pasado ano superaron as 300 persoas) sairán ás 20.00 horas da praza do Rei para percorrer camiñando, se o tempo o permite, a rúa Don Bosco, Príncipe, Porta do Sol, praza da Constitución e as rúas Triunfo e Real ata chegar á praza do Berbés. Será alí, ás 21.00 horas, cando comece o acto central do Enxalzamento.

No acto central actuarán a banda de gaitas Provincia de Pontevedra, o grupo de percusión tradicional Cascarexo, o grupo de danza tradicional Labaradas, o grupo tradicional O Tarabelo e dúas parellas infantís. Tras os cantos e os bailes, sobre as 22.00 horas, farase entrega dos premios.
Descargar todas as imaxes