Escoitar

Participación Cidadá investiu máis de 702.000 euros en subvencións no período 2003-2007

A Concellería de Participación Cidadá acaba de publicar a súa "Memoria 2003-2007", na que se recollen os feitos e realidades máis salientables do traballo desenvolvido neste período por parte de todo o equipo humano que conforma o Departamento.

xoves, 14 xuñ 2007
O investimento realizado nestes catro anos alcanzou os 702.000 euros, e o número de asociacións beneficiarias foi de 382. A aposta fundamental da Concellería dirixiuse á potenciación das novas tecnoloxías e do asociacionismo.

Entre as accións máis salientables está o inicio da construcción de dous novos centros veciñais, en Alcabre e Cabral.

Segundo os datos recollidos na Memoria, no ano 2003 o total do investimento foi de algo máis de 123.000 euros, dirixidos a actividades de participación e mellora organizativa das asociacións. No ano 2004, o investimento total de 141.630 euros dirixiuse á implantación de novas tecnoloxías e a participación e mellora organizativa. En 2005, o investimento achegouse aos 294.000 euros, que se distribuíron en infraestruturas e equipamentos e no desenvolvemento de programas, proxectos e actividades. Por último, en 2006, cun investimento de 144.000 euros, desenvolvéronse actividades sociocomunitarias e mantivéronse entidades que operan no ámbito veciñal.

Durante este mandato mantívose a vontade de estimular a participación da cidadanía como un dos obxectivos da política municipal, xa fose ofrecendo todo o apoio do Departamento ao fomento do asociacionismo, ou mellorando as canles de achegamento á información municipal e fomentando de xeito singular as canles relacionadas coas novas tecnoloxías da comunicación.

Entre esas actuacións destacou a aposta polo uso intensivo de internet e do correo electrónico, da mensaxería a móbiles e da información telefónica no 010, sen esquecer a atención presencial desde o Concello ata as parroquias, coa apertura dun novo centro en Saiáns e o proxecto de tres novos en Alcabre, Coia e Romil.

A "Memoria 2003-2007" da Concellería de Participación Cidadá será enviada nos próximos días ás asociacións do municipio, e con ese motivo a concelleira delegada do Goberno da Área de Participación Cidadá, Marta Iglesias, agradece a todos os cidadáns e cidadás de Vigo e ás asociacións que apoiaron e colaboraron na construción dunha administración mais aberta e participativa.

Así mesmo, Marta Iglesias agradece o labor de todas aquelas entidades e empresas que co seu esforzo contribuíron ao desenvolvemento das diferentes accións, así como a todo o equipo humano da Concellería de Participación Cidadá e resto do persoal do Concello de Vigo e Corporación Municipal por teren alentado este proceso de colaboración.