Escoitar

O Museo "Quiñones de León" presenta unha exposición de reloxos para "Admirar o tempo"

O Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" e o Departamento de Cultura do Concello organizan unha exposición de reloxos dos séculos XVIII, XIX e XX baixo o título "Admirar o tempo". A mostra, que se inaugura este mércores ás 20.00 horas, poderase visitar no Pazo de Castrelos ata o 14 de setembro.

mércores, 13 xuñ 2007
11817268321.jpg
Reloxo de sobremesa tournant con guarnición. Obradoiro parisiense. Ca. 1750
O Museo "Quiñones de León", na súa tarefa de poñer en valor o patrimonio artístico de Vigo, presenta neste novo proxecto expositivo a súa colección de reloxos. Os reloxos, que proceden fundamentalmente do legado que José Policarpo Sanz deixou á cidade, conforman un conxunto breve pero excepcional pola súa indubidable calidade e valor artístico. O museo acometeu este ano a súa restauración e posta en funcionamento, así como o seu estudo e catalogación.
Con este motivo, os mencionados reloxos expóñense ao público acompañados doutras meritorias pezas procedentes de institucións e coleccións de ámbito galego, que colaboraron con este proxecto do museo de Vigo. Xunto ás admirables realizacións dos obradoiros europeos dos séculos XVIII, XIX e XX, poderemos apreciar as que neses séculos xurdían das hábiles mans e dos coñecementos técnicos dos máis prestixiosos reloxeiros galegos. A exposición permitirá afondar no significado e interpretación dos reloxos como obxectos ornamentais nos que se unen a beleza e a tecnoloxía.
Os organizadores da mostra consideraron que nesta pequena homenaxe á arte da reloxería non podía faltar un dos seus grandes artífices en Vigo, Evangelino Taboada. Da súa mestría dá fe o reloxo mecánico do Instituto Santa Irene, edificio emblemático do noso patrimonio cultural, que coas súas badaladas acompaña os vigueses a recibir cada novo ano.
Polas súas características formais, os reloxos reunidos en "Admirar o tempo" transmiten a mensaxe estética de maneira inmediata, polo que o enfoque da narración se sitúa entre o puramente estético e o didáctico. Deste xeito, aínda que a mostra estea dominada pola presentación dos obxectos, o seu fío condutor descansa na exposición razoada dos contidos. Dentro do relato xeral, estableceranse puntualmente breves secuencias descriptivas en obxectos significativos, para satisfacer o público interesado en "saber máis".
Na planta baixa do pazo, e contando coas súas instalacións, farase a presentación das obras agrupándoas segundo as súas características formais e decorativas, incorporándoas á exposición permanente cos recursos ambientais existentes.

Xunto aos reloxos do Museo procedentes do legado de Policarpo Sanz, mostraranse 16 obras destacadas do Museo de Pontevedra, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, Colección de Reloxos do Concello da Coruña, Museo Basilio Sobrecueva (Cangas de Onís) e diversos coleccionistas privados.

Con motivo da exposición edítase unha monografía na liña das publicacións das exposicións temporais organizadas polo Museo. Recolle os traballos de: Mariel Larriba Leira, comisaria da mostra; Amelia Aranda Huete, conservadora de reloxos de Patrimonio Nacional; e José Luis Basanta Campos, experto en reloxería galega. A publicación quere dar a coñecer e valorizar os bens do municipio, xunto aos das coleccións menos coñecidas doutros museos e institucións galegas, poñendo de relevo a súa importancia e significación tanto para Galicia como para a arte.
11817268321.jpg
11817269034.jpg
11817269347.jpg
11817270062.jpg
Descargar todas as imaxes