Escoitar

Cruz Vermella porá 18 socorristas nas praias de Vigo durante o verán

A Cruz Vermella realizará o servizo de primeiros auxilios e transporte sanitario nos areais de Samil, O Vao, Tombo do Gato, Canido, Argazada, Teis, Fontaíña e na praia de Rodas, nas Illas Cíes, de acordo co proxecto de convenio entre esta entidade e o Concello aprobado o luns pola Xunta de Goberno Local.

martes, 12 xuñ 2007
1181636544samilxente.jpg
Praia de Samil
Durante o tempo de vixencia do convenio, do 16 de xuño ao 22 de agosto, a Asemblea Comarcal da Cruz Vermella Española de Vigo achegará os recursos materiais e humanos correspondentes ao mencionado servizo. Serán catro socorristas e un condutor na praia de Samil e dous socorristas nos restantes areais. A praia de Rodas, ademais, contará cun médico nos meses de xullo e agosto. Os medios materiais inclúen unha ambulancia e material sanitario, en Samil; un posto de primeiros auxilios, material sanitario e de primeiros auxilios e unha emisora de comunicación, na praia de Rodas; material sanitario, no Vao; e un posto de primeiros auxilios e material sanitario, nos restantes areais.

A Cruz Vermella acreditará que todo o persoal dedicado ás actividades que lle asigna este proxecto de convenio realizou os correspondentes cursos de formación e está en posesión os cursos de socorro e emerxencias ou primeiros auxilios ou auxiliar de transporte sanitario, segundo o tipo de actividade ao que estea adscrito. Así mesmo, o persoal deberá acreditar as titulacións específicas que esixa o desempeño das tarefas que lle sexan encomendadas.

O proxecto de convenio de colaboración aprobado pola Xunta de Goberno non ten entre os seus obxectivos a cobertura de salvamento no mar nin a vixilancia dos areais anteriormente citados.

O Concello de Vigo sinalizará a localización dos postos de primeiros auxilios, establecerá accesos ás praias e manteraos accesibles para as ambulancias. Tamén será responsabilidade do Concello o cambio de bandeiras de sinalización de utilización dos areais.

O Concello aboará 120.000 euros á Cruz Vermella para a compra do material necesario para a realización do servizo de primeiros auxilios e transporte sanitario.
Descargar todas as imaxes