Escoitar

Vigo celebra o Día de Portugal

Arredor de 4.000 portugueses celebran en Vigo este martes o Día de Portugal. A alcaldesa, Corina Porro, e a cónsul do país veciño, Maria Regina Flor de Almeida, sumáronse á conmemoración depositando unha coroa ao pé do busto de Camoes, na remodelada praza de Portugal.

martes, 12 xuñ 2007
1181650461diadeportugal120607.jpg
O acto contou coa presenza de autoridades militares, como o comandante da Marina Antonio Jover, e personalidades civís como o subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, o delegado da Zona Franca, Francisco López Peña, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño.

Corina Porro sinalou no seu discurso a "fondura" das relacións entre Galicia e Portugal, que se reflicte de maneira particular en Vigo a través de feitos como a creación do Centro Portugués hai xa 80 anos. Esta circunstancia, apoiada en institucións de colaboración transfronteiriza máis recentes, "debe ser acompañada", engadiu Porro, "das infraestruturas que tan estreita relación social e económica precisa". Neste sentido, a alcaldesa demandou "un AVE que signifique e dea valor á potencialidade da nosa Eurorrexión".

Ademais, Corina Porro afirmou que "a convocatoria que cada ano nos reúne aquí a vigueses e portugueses resulta, nesta ocasión, especial", xa que se celebra nunha "nova praza de Portugal", un "espazo de convivencia e encontro no centro da cidade" aberto aos vigueses hai unhas semanas despois de ser obxecto de obras de mellora.

Pola súa parte, Maria Regina Flor de Almeida indicou a necesidade de avanzar no desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, xa que "hai moito que facer, non só no económico". Para a cónsul de Portugal este foi o último acto oficial en Vigo despois de catro anos no cargo. Neste sentido, Flor de Almeida afirmou que na nosa cidade "recibiu sempre a máis calorosa acollida", polo que celebrar aquí o Día de Portugal "é un privilexio".
Descargar todas as imaxes

Máis información