Escoitar

Ratificado o convenio coa Deputación para a execución de obras por 1,3 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local ratificou este luns o convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, polo que o ente provincial se comprometeu a financiar un conxunto de obras en Vigo, principalmente de pavimentación de rúas e reparación de beirarrúas, cunha achega total de 1,3 millóns de euros.

luns, 11 xuñ 2007
No acordo figuran o proxecto de pavimentación da rúa Policarpo Sanz e da Avenida de García Barbón ata a glorieta de Isaac Peral (392.060 euros), a pavimentación das rúas Sagunto (48.600), Pizarro (184.000), Colón entre Areal e Policarpo Sanz (53.450), Numancia entre Doutor Canoa e a travesía de Vigo (21.000), Palencia (32.000), da travesía de Vigo entre Bailén e Numancia (260.000), e a reparación de beirarrúas no centro urbano, asignándose para este fin 60.000 euros para cada unha das cinco zonas en que se divide.

A este investimento da Deputación sómanse os xa aprobados para a execución dos centros culturais A Feira, en Cabral (200.000 euros) e de Alcabre (360.000 euros).

Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou os proxectos modificados do da urbanización das fases 1 e 2 do Polígono 1 do PERI 4 – Barreiro 2, por un importe de 503.000 euros, e o de construción dunha nova ponte sobre o río Lagares, na Baixada ao Pontillón, con custo cero para o Concello.