Escoitar
Un grupo de profresores do Conservatorio de Vigo viaxa ao París de entre guerras<br /> As invitacións poden retirarse na Casa das Artes o mesmo día do concerto

‘París segundo Lempicka e Poulenc’: a música europea dos anos trinta, na Casa das Artes

O martes, día 12 de xuño, ás 21.00 horas, a Casa das Artes de Vigo acollerá un recital do grupo Ensemble Poulenc, unha actividade organizada con motivo da exposición dedica á pintora Tamara de Lempicka que se enmarca dentro de Xeración 2000+7, o ciclo de xóvenes intérpretes musicais que organizan a Concellería de Cultura . O aforo é limitado por cuestións técnicas a 100 persoas, e a entrada será mediante invitación que se poderá retirar na propia Casa das Artes, cun máximo de 4 por persoa, a partir das 18,00 horas do martes. O acceso de público comezará ás 20,30 horas.

luns, 11 xuñ 2007
1181560907xeracion.jpg
Baixo o título ‘París segundo Lempicka e Poulenc", a formación, nacida do Conservatorio Superior de Música de Vigo, fará un programa dedicado integramente ao compositor francés, escollendo algunhas das súas obras máis representativas para así ofrecer unha visión conxunta da música de cámara na combinación de instrumentos de vento e piano.

En Cannes, hai agora 50 anos, o frautista Jean-Pierre Rampal e o propio Francis Poulenc estreaban unha preciosa sonata para frauta e piano. A obra tivo unha gran acollida con críticas como: "do mellor Poulenc ou incluso mellor". Esta sonata converteuse co tempo en repertorio básico da frauta e da música de cámara en xeral.

En Vigo, tamén hai 50 anos, comezaba a súa andaina o Conservatorio Superior de Música, feito que se conmemora neste ano 2007. Con este dobre motivo xúntanse os sete profesores que forman o ensemble para afrontar un variado programa: dous dúos e o sexteto de Poulenc.

O programa comeza con dúas obras que pertencen a unha etapa de madurez compositiva de Poulenc: a sonata para frauta e piano e a sonata para oboe e piano. A primeira é unha das súas obras máis famosas e sirve como inicio para este percorrido polo universo sonoro deste compositor.

Coas súas delicadas melodías e a alternancia de frases legato e pasaxes de certa dureza rítmica e harmónica, é un exemplo claro do estilo neoclásico en que se inscribe Poulenc, herdanza musical dos tamén franceses Ravel e Debussy e reencontro coa gran tradición francesa do clavecín: Couperin e Rameau.

A sonata para oboe e piano é unha das últimas composicións de Poulenc, que sería estreada despois da súa morte por Pierre Pierrot e Jacques Février. Está dedicada á memoria de Prokofiev, quen exerceu unha gran influencia no estilo compositivo de Poulenc.

Complétase o programa co sexteto para ventos e piano. Xa desde os seus inicios Poulenc mostrou unha predilección polos instrumentos de vento e o sexteto é unha obra na que se reflexa un ambiente moi positivo e de talante desenfadado, áxil e vital, marcado ó mesmo tempo por un variado uso de argumentos entre os instrumentos que o integran: piano, frauta, oboe, clarinete, fagot e trompa.

A súa orixinalidade reside en breves deseños e frases cambiando de instrumento continuamente, así como na alternancia de momentos de carácter brillante e seccións de gran contido poético.
Descargar todas as imaxes