Escoitar

Unha carreira de San Xoán para abrir o apetito

O sábado 23 de xuño, ás 21.15 horas, dará saída a XXIV Carreira Nocturna de San Xoán, organizada pola Delegación da Federación Galega de Atletismo en Vigo. A Concellería de Deportes patrocina esta proba como parte da súa colaboración coa Federación.

xoves, 14 xuñ 2007
1181820969atletismo140607.jpg
Esta colaboración plasmouse este xoves coa sinatura dun convenio por parte da concelleira, Lucía Molares, e o presidente da Delegación viguesa, Eleuterio Ángel García. O acordo establece unha achega municipal total de 18.000 e inclúe, ademais da Carreira Nocturna de San Xoán, o Gran Premio "Cidade de Vigo" de Atletismo en Pista (5 de xullo), a Carreira "Cidade de Vigo. Andar e Correr" (7 de outubro), a Serie Municipal de Atletismo en Pista (que se desputará nos meses de maio xuño e xullo) e a Carreira do Pavo (23 de decembro). A contribución económica da Concellería supón un 50% máis que a de 2006.

A Carreira Nocturna de San Xoán non variará este ano o seu percorrido: despois de saír da praza do Rei, pasará por Camelias, Pi y Margall, López Mora, a rúa Coruña e Tomás Alonso, para logo volver por Beiramar ata alcanzar a meta no Berbés.

Os corredores e corredoras serán reunidos en catro categorías: de 14 a 18 anos, de 19 a 35, de 36 a 45 e de 46 anos en diante. Para se inscribiren poden facelo no local da Delegación da Federación Galega de Atletismo en Vigo (r/ Fotógrafo Luís Ksado, 17) ou a través do seu teléfono (986 221 500) ou do seu fax (986 441 216). Os interesados tamén poden formalizar a súa inscrición na saída dúas horas antes do comezo da carreira.

Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán cadanseu premio. Ademais, haberá un sorteo de regalos e sardiñada gratis para todos os participantes.
Descargar todas as imaxes