Escoitar

A Concellería de Xuventude presenta unha nova edición do "Verán Xove"

A Concellería de Xuventude do Concello de Vigo presenta unha nova edición do seu programa "Verán Xove", con actividades de cara ao período estival dirixidas á poboación xuvenil.

martes, 22 mai 2007
1179829684veranxove220507cartel.jpg
Este ano, a Concellería de Xuventude, no seu intento de adaptarse cada vez máis ás necesidades e gustos da poboación, fai especial fincapé no aspecto de poder conciliar a vida laboral e familiar dos cidadáns e cidadás de Vigo. Para iso potenciáronse as actividades que se desenvolverán na propia cidade e rebaixáronse as idades para poder participar.

Dentro do programa "Verán Xove" deste ano destaca a actividade "Verán en Vigo", un campamento de nova implantación destinado a nenos e nenas de 4 a 11 anos. Este campamento realizarase no Pavillón de Deportes de Bouzas durante todo o mes de xullo, en dúas quendas de quince días cada unha, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas. Os rapaces contarán coa posibilidade de entrar unha hora antes e saír unha hora máis tarde, para poder adaptarse ao horario laboral dalgúns pais e nais. O número de prazas dispoñibles é de 100.

"Tempo Libre na Beiramar", un dos campamentos que xa está consolidado na cidade e que se realiza na zona de praias de Vigo, dará cabida este ano a máis nenos e nenas. Esta actividade realízase en horario continuado de 10.00 a 18.00 horas na praia de Bouzas e vai dirixida a rapaces e rapazas de 7 a 12 anos.

Outros campamentos que se desenvolverán na cidade serán a "Escola Hípica de Verán", unha actividade iniciada o ano pasado e que tivo unha grande acollida, e que permitirá practicar equitación e ao mesmo tempo coñecer todo o relacionado co mundo do cabalo (alimentación, limpeza, coidados, mantemento de materiais e instalacións, etc.); "Verán en Clave de Sol", campamento dedicado á expresión artística, sobre todo musical; "Campamento Urbano", que se realizará nas instalacións deportivas das Travesas; "Verán de Lecer", na Asociación Veciñal "Doutor Fleming", e o "Campamento Urbano de Teis".

Os que desexen saír de Vigo poderán acudir ao campamento da Granxa Escola "El Kiriko", que terá lugar no Concello de Fornelos de Montes durante cinco días, cunha primeira quenda en xullo e outra en agosto.

A estes campamentos hai que engadirlle as actividades que se realizan nas ludotecas municipais durante o período estival e outras actividades da Concellería como son as desenvolvidas no programa "Súbete ao Casto" ou as do VIII Campus Polideportivo no Complexo Deportivo das Travesas e o VII Torneo Internacional de Fútbol Base "VIGO CUP 07", que terá lugar en diversos campos de fútbol de Vigo, Nigrán e Redondela.

A inscrición nos campamentos pode realizarse na Casa da Xuventude (r/ López Mora, 31, tel. 986 29 48 06) a partir do 4 de xuño e ata completar prazas, en horario de 10.00 a 13.30 (de luns a venres) e de 17.00 a 19.30 (de luns a xoves). Para formalizala débense presentar unha fotocopia do DNI do solicitante ou pai/nai, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e dúas fotos tamaño carné.

Descargar todas as imaxes