Escoitar

Música e cine para celebrar o Día das Letras Galegas

Co gallo do Día das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello presenta, mañá martes, o Equipo de Normalización Lingüística do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e organiza o III Festival de Cinema en Galego, destinado principalmente aos centros de ensino primario e secundario.

luns, 14 mai 2007
1179145137lavidaqtespera.jpg
Cartel da película "A vida que te agarda"
A presentación do Equipo de Normalización Lingüística do Conservatorio Superior de Música terá lugar mañá martes ás 20.30 horas no auditorio do Conservatorio (r/ Manuel Olivié, 23). O acto abrirase coa conferencia de Luís Costa "A música galega entre o mito romántico e o folk-business". A continuación os alumnos do centro ofrecerán un concerto.

O III Festival de Cinema en Galego desenvólvese nos cines Yelmo Cineplex durante os meses de maio e xuño, con proxeccións para alumnos de primaria, e outubro e novembro, dirixidos aos centros de secundaria. No primeiro grupo están "Goomer" (proxectada o 10 de maio), "Gisaku" (31 de maio) "Pérez, o ratiño dos teus soños" (7 de xuño) e "Rudolph" (14 de xuño). No segundo irán "Os padriños do noivo" (4 de outubro), "Dagon" (18 de outubro), "Tres no camiño" (8 de novembro) e "Cargo" (15 de novembro).

Ademais, para celebrar o Día das Letras proxectarase en aberto "A vida que te agarda", o domingo 20 a partir das 12.00 horas, tamén en Yelmo Cineplex. As invitacións, catro por persoa como máximo, pódense recoller no Servizo de Normalización Lingüística, no 1º andar da Casa do Concello.
Descargar todas as imaxes