Escoitar

Máis de 300 firmas participan no Salón de Hostalería e Alimentación do Atlántico

A IV Edición do Salón da Hostalería do Atlántico celebrarase do 20 ao 22 de maio do 2007 no IFEVI e será un encontro profesional para a difusión das novidades en canto a produtos e servizos e un punto de contacto con empresas, asociacións, organismos e especialistas referentes no sector.

luns, 14 mai 2007
1179143933salonhostelaria.jpg
O certame, no que estarán representadas máis de trescentas firmas comerciais, acudirán fabricantes, distribuidores, importadores, exportadores ou centrais de compras, entre outros operadores, que poderán realizar transaccións comerciais e lanzar os seus novos produtos de equipamento para a hostalería e alimentación

Actividades complementarias

O Salón contará cun amplo programa de actividades complementarias entre as que destaca o I Foro Atlántico da Gastronomía no que participarán chefs de prestixio internacional que realizarán demostracións ante o público visitante.

O Foro, que será presentado polo actor Sergio Pazos, desenvolverase os días 20 e 21, en horario de mañá e contará coa participación de destacados restauradores como, Pepe Solla, do restaurante Solla, Juan Crujieras do restaurante A Estación; Marcelo Tejedor de Casa Marcelo, Jose Cannas do Pepe Vieira, Antonio Botana do Pandemonium e Gonzalo do Mercadito, todos eles con gran renome a nivel internacional.

Outra novidade é o II Campionato Galego de Baristas organizado pola Asociación Galega de Baristas, profesionais na preparación de expreso e capuchinos. Neste concurso poderán participarán os baristas que o desexen, e que deberán preparar un expreso, un capuchino e un cocktail de creación propia.

Nesta edición do salón as ortigas van ter un protagonismo especial, xa que durante as tres xornadas os visitantes do certame poderán participar en degustacións de pratos preparados con ortigas.

O Salón servirá de marco para a presentación do libro "45 receitas con ortigas", que obtivo o premio Gourmand 2007 ao mellor libro de cociña publicado en castelán e tamén acollerá a presentación do Proxecto Estrugas, cuxa finalidade é potenciar a recuperación e o aproveitamento das ortigas para consumo e para a fabricación de produtos cosméticos.

Outras actividades xa tradicionais no certame son o Premio SHA á mellor imaxe de stand entre os expositores, Xornadas Técnicas, que se converten nun espazo de interacción que sirva de foro entre diversas personalidades, investigadores e profesionais do sector, mediante a análise de temas de interese para o sector.

O día 21, entre as 11 e as 12, terá lugar un relatorio sobre "Seguridade e Hixiene Alimentaria no sector HORECA: Presente e futuro", que estará a cargo de Hugo Caridade, en calidade de responsable de control de calidade do grupo GADISA e José Luís Mañá , como representante da empresa GEAL Consultores.

O Salón contará ademais con presentacións comerciais, como a mellor fórmula para reforzar o labor comercial dos expositores e un programa de catas comentadas. Entre elas destaca a que ofrecerá José Luís Fernández, experto en enoloxía, que axudará a coñecer mellor un dos valores principais da cultura gastronómica do noso país

Desenvolverase tamén unha cata de augas, baixo o patrocinio do Grupo Vichy Catalán, que correrá a cargo do xornalista Xullo Cayuela.

O programa de actividades de Salón inclúe, ademais demostracións de elaboración de xeados, os días 20, 21 e 22, a cargo de José María Gene Pascual; elaboración de sobremesas, os días 21 e 22, por Mariña Casaponsa, da Escola de Cociña Hofmann de Barcelona; demostración de cociña ao baleiro por Oswaldo Brito, profesor da Escola de Cociña Hofmann de Barcelona e elaboración de pizzas por Lorenzo Herrero, mestre pizzero.
Descargar todas as imaxes