Escoitar

O Valedor do Cidadán presenta o informe "Hábitos de consumo da cidadanía viguesa"

O grao de concienciación dos vigueses con respecto a cuestións como o consumo responsable de auga e enerxía e a xeración de residuos aumenta do casco urbano ao rural e canto menor é a idade, segundo se desprende do informe "Hábitos de consumo da cidadanía viguesa", emitido polo Valedor do Cidadán.

venres, 11 mai 2007
1178890986valedor.jpg
Para realizar este informe leváronse a cabo máis de 1.300 entrevistas persoais na vía pública cun cuestionario de 40 preguntas, clasificadas nos apartados de "Consumo de enerxía", "Consumo de auga", "Xeración de residuos" e "Consumo responsable". Cada unha destas preguntas contaba con catro respostas posibles, desde "nada concienciado" ata "moi concienciado", pasando por "pouco" e "bastante concienciado". A análise dos datos obtidos serve para coñecer as porcentaxes da cidadanía implicada nestes comportamentos de consumo tanto de forma global como por idades, sexo e zonas do termo municipal.

En canto ao grao de concienciación global, o 65% dos enquisados sitúanse na categoría de "pouco concienciados", fronte ao 32,7% que se consideran "bastante concienciados". Os "nada concienciados" e "moi concienciados" atinxen porcentaxes do 1,9% e do 0,4% respectivamente. No conxunto de Vigo non se observan grandes diferencias no grao de concienciación por sexos, que alcanza cifras similares ás mencionadas en cada unha das catro categorías. En cambio, os "bastante concienciados" e "moi concienciados" son máis a medida que diminúe a idade: un 37,7% para o tramo de 15 a 34 anos, fronte a un 21,6% para o de 71 a 99 anos.

Por zonas, aumenta notablemente a porcentaxe dos "bastante concienciados" e "moi concienciados" desde a zona urbana á rural. Así, na zona urbana son o 28,7%, mentres que na semi-urbana representan o 32,1% e na rural, o 53,5%.

A modo de síntese, o informe constata que en cinco das preguntas formuladas cando menos dúas de cada tres persoas afirman seguir as condutas en cuestión "case sempre" ou "sempre". As preguntas son as seguintes:

- Reutiliza bolsas de plástico que lle dan no supermercado, usándoas como bolsas de lixo, por exemplo?
- Acostuma vostede manter apagadas as luces dos cuartos da casa mentres non hai ninguén nelas?
- Á hora de decidir a compra dun coche, ten en conta o seu consumo?
- Cando ten que pór unha lavadora ou lavalouzas, espera a ter roupa suficiente ou louza para enchelas ou utilízaas a media carga, se ten a opción?
- En xeral, acostuma lavar a roupa en auga fría?

Polo contrario, a outras 19 preguntas só responden "case sempre" ou "sempre" un máximo de unha de cada tres persoas:

- Entrega os aceites a empresas especializadas ou lévaos a puntos limpos?
- Desfaise de residuos sólidos (restos de comida, papeis de pouco volume etc.) tirándoos polo WC?
- Á hora de comprar un moble, ten en conta se se trata de derivados de madeira certificada con logotipo ecolóxico FSC?
- Intenta comprar produtos certificados coa marca de comercio xusto?
- Consume produtos que exhiben algún tipo de etiqueta ecolóxica?
Descargar todas as imaxes