Escoitar

Festa uruguaia no espazo "Sala Ábrete"

O domingo 13 de maio, na SalaA! (Avda. Beiramar, 113), de 17:00 a 20:00 horas, dentro do espazo "Sala Ábrete", terá lugar unha gran festa ambientada en Uruguai. A entrada será gratuíta e a sala estará decorada con motivos típicos dese país.

venres, 11 mai 2007
1178881210festauruguaia.jpg
Actuacións musicais

-Comparsa Urumundo: Comparsa de Candombe creada pola asociación no ano 2005 para o disfrute da colectividade e como medio de promoción da cultura uruguaia.
-Murga "La exiliada" : De recente creación e aínda na súa fase inicial, esta murga pretende levar ao público un dos expoñentes máis emblemáticos do entroido uruguaio que parte das chirigotas españolas e que tivo unha curiosa evolución neste país.
-Tango, candombe e folclore a cargo de "Son del Barrio" e o cantautor Walter César.

Degustación Gastronómica

-Pasta Frola: Tarta realizada con masa quebrada e unha capa de doce de leite.
-Pascualina: Empanada de acelgas (ou espinacas) e ovos.
-Fainá: masa de fariña de garbanzos, trigo e chícharos.
-Matambre recheo: Tapa de costela rechea de acelgas, ovos, cenorias, etc.
-Tortas fritas (especie de orellas) ou pasteliños de doce de leite
-Salami de chocolate.
-Bebidas: Vino frutilla, degustación de Mate amargo e doce e Mate Cocido frío.

Mostra de artesanías, libros e músicas uruguaias

Con esta festa preténdese que os mozos e mozas de Vigo, ademais de pasalo ben en compaña dos seus amigos e amigas, coñezan e experimenten a cultura, as tradicións e o saber facer dun país coma Uruguai. Para elo, a Concellería de Xuventude do Concello de Vigo conta, nesta ocasión, coa colaboración da Asociación Uruguayos por el Mundo que serán os encargados de levarnos a dar un fantástico paseo pola cultura do seu país.

"Sala Ábrete" é un Espazo de Ocio Alternativo da Concellería de Xuventude do Concello de Vigo en colaboración coa SalaA!, onde mozos e mozas poderán pasalo ben e abrirse a novas experiencias de ocio saudable.

Para máis información: Casa da Xuventude (López Mora, 31), Tfno. 986 294 806 www.xuventudevigo.org
Descargar todas as imaxes