Escoitar

A entrada sur do AVE centrou a reunión extraordinaria do Consello da Xerencia

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo celebrarou hoxe luns unha reunión extraordinaria para debater un informe-proposta municipal sobre o Estudo Informativo emitido polo Ministerio de Fomento en relación ao acceso sur do AVE. O estudo refírese únicamente ao tramo entre Vigo e o Porriño e transcorre por terreos dos termos municipais de Vigo, Mos e o Porriño e ten como obxecto a análise de solucións e a definición técnica, ambiental e prepupostaria.

luns, 26 mar 2007
O Estudo Informativo contempla dúas alternativas para a entrada sur da Alta Velocidade en Vigo: a alternativa 1, que pasa por túnel os montes de Puxeiros, transcorre por superficie en Sárdoma e introdúcese novamente en túnel por debaixo de San Roque ata chegar a Vázquez Varela e a estación de Urzaiz; e a alternativa 2, que se diferencia da anterior en que o tramo de entrada a Vigo é totalmente soterrado, coincidindo o seu trazado sobre a Avenida de Madrid.

O Ministerio de Fomento calcula que a alternativa 1 permitiría ir do Porriño a Vigo en 6,8 minutos, e de Vigo a O Porriño en 6,14. Coa alternativa 2, o traxecto entre O Porriño e Vigo percorreríase en 6,11 minutos, e de Vigo ao Porriño tardaríase 7,21 minutos en chegar. O orzamento para cada unha das variantes, segundo o Estudo Informativo, é duns 250 millóns de euros no caso da alternativa 1 e duns 303 millóns no da alternativa 2. Baseándose en consideracións como estas, Fomento estima que a variante de Sárdoma "mellora a alternativa 2 tanto no aspecto funcional, ambiental como económico", polo que resulta "óptima" para o acceso sur do AVE a Vigo.

A proposta elaborada pola Xerencia de Urbanismo contén os seguintes puntos:

1.- O Estudo Informativo presentado valora correctamente a incidencia do trazado sobre o planeamento municipal.

2.- A revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado provisionalmente o 16 de maio de 2006, e pendente nestes intres de aprobación definitiva, recolle substancialmente o trazado que figura no Estudio Informativo presentado como alternativa 1, e que é a alternativa proposta no Estudo Informativo.

3.- Porén, non estando recollidas expresamente entre as infraestruturas contidas no Estudo Informativo a estacion de Sárdoma e a conexión coa terminal portuaria de Bouzas, desvirtúase a funcionalidade da Alternativa 1.

4.- Polas menores afeccións sobre as futuras ordenacións propostas, e expropiacións, como pola diminución do efecto barreira que producirá na cidade, enténdese máis favorable a alternativa 2 (que transcorre en túnel baixo a Avenida de Madrid) que a elixida alternativa 1, que atravesa en superficie o barrio de Sárdoma.

5.- O Ministerio de Fomento implementará as solucións técnicas necesarias para a futura conexión deste trazado ferroviario coa terminal portuaria de Bouzas.

6.- Así mesmo, a infraestrutura deberá estar adaptada para o uso de cercanías ferroviarias Vigo-O Porriño, e, mesmo se a explotación fose viable, para a introdución de sistemas de transporte público de tipo metropolitano, aspectos que poden ser significativos no plantexamento tanto do Estudo Informativo como do proxecto que o desenvolva.

7.- En calquera caso, a funcionalidade da alternativa 1, no paso con rasante elevada sobre o Val do Lagares, en Sárdoma, pasa por plantexar mediante un viaducto continuo, dende o pk 12+400, e a boquilla do túnel de Vázquez Varela (pk 14+000), xa que a traza do ferrocarril debe compatibilizarse co desenvolvemento previsto no PXOM relativo a solo e a sistemas xerais viarios, que noutro caso se verían coartados.