Escoitar

Continúan as actividades paralelas de Escoitar.org cun concerto de Durán Vázquez

O programa de actividades paralelas do proxecto ‘ESCOITAR.ORG. Laboratorio de audio’ continúa no Espazo Anexo do MARCO cun concerto do artista sonoro Durán Vázquez hoxe venres a partir das 19.00 horas.

venres, 23 mar 2007
Durán Vázquez (Vigo, 1979) publicou o seu primeiro disco ("Pigua, Megapigua") en 2003. Actualmente traballa co selo discográfico "Crónica Electrónica", de orixe portuguesa e proxección internacional. Representante galego no festival Sónar de Barcelona no 2004, levou a súa música ao Festival LEM de Barcelona, a Galería Maus Hábitos de Porto e ao Festival SINSAL.

Durán Vázquez é tamén compositor de bandas sonoras para cine, como no caso de "Paranoias" (2003), unha curtametraxe da EGACI (Escola Galega de Cine), ou da súa colaboración co artista australiano Sumugan Sivanesan na obra "Goebbels´ Pupils", un vídeo experimental seleccionado para concurso polo 15º Festival Internacional de Arte Electrónica VIDEOBRASIL.

En 2005 a súa obra "Sueño Eléctrico Controlado" estivo entre as cinco seleccionadas polo xurado do I Concurso de miniaturas electroacústicas da Asociación Hablar en Arte, de Madrid. Na segunda edición do mesmo concurso (2006) figurou entre os cinco seleccionados coa obra "Chernobil, mon amour!". Actualmente é un dos artistas do Netlabel Alg-a, selo discográfico de Vigo con proxección internacional.

Máis información en www.cronicaelectronica.org e en www.escoitar.org.

Concerto DURÁN VÁZQUEZ
Data: venres 23 marzo
Lugar: Espazo Anexo (praza peonil posterior)
Horario: de 19.00 a 21.00
Entrada libre ata completar aforo (50 persoas).