Escoitar

Un novo robot con cámara inspecciona as redes de saneamento e abastecemento

Aqualia conta xa cun novo sistema de control das redes de saneamento e abastecemento de Vigo. Trátase dun equipo de inspección televisualizada que inclúe un robot con cámara que circula polos canos para detectar e previr posibles anomalías.

mércores, 21 mar 2007
1174483304robot3a.jpg
O equipo, que supuxo un investimento de 200.000 euros, está instalado nunha furgoneta acondicionada con todos os elementos necesarios para realizar o seu traballo de forma autónoma. As súas aplicacións permiten recoller información vital para o posterior control das redes de saneamento e abastecemento, mellorando a fiabilidade destas.

Así, o equipo de inspección televisualizada serve para conseguir información sobre o estado da rede existente, previr problemas e localizar atascos, filtracións, roturas e outras posibles anomalías, previr e localizar danos a outros servizos, inspeccionar e detectar acometidas e controlar a calidade de novas obras.

O encargado de recoller e procesar a información necesaria é un robot que se introduce polos pozos de rexistro e circula polos canos. Esta unidade de inspección a distancia dispón dunha cámara incorporada para recoller imaxes, e entre as súas especificacións tamén inclúe un rango de movemento panorámico de 330º, iluminación integrada, tracción ás catro rodas e unha velocidade que pode chegar aos 10 metros por minuto.

O traballo do equipo comeza ao situarse a furgoneta na área que se vai inspeccionar, procedéndose nese momento á súa sinalización tendo en conta as medidas necesarias para garantir a protección e seguridade da zona de traballo. A continuación introdúcese a cámara no colector e actívase o sistema de control remoto do robot desde o vehículo. Mentres o robot se move dentro dos canos, o persoal técnico especialista realiza o seguimento na pantalla das imaxes enviadas pola cámara e da evolución da unidade de inspección, ordenando os cambios de ángulo, zoom e rexistro de datos que se consideren necesarios.

As imaxes enviadas permiten coñecer o estado real do colector e realizar unha inspección detallada dos puntos nos que se aprecie calquera tipo de anomalía, como poden ser roturas, xuntas non estancas, fendas na clave ou nos laterais, presenza de raíces e corpos estraños, acometidas non controladas, afeccións doutros servizos ou estancamentos e afundimentos.

Durante a presentación deste sistema hoxe mércores, a alcaldesa, Corina Porro, cualificou esta novidade de "importante avance tecnolóxico" que permitirá realizar un "control exhaustivo" das redes de saneamento e abastecemento de Vigo.

Pola súa parte, o director de Aqualia, José Luis García Ibáñez, dixo que o novo sistema de inspección actuará como "os nosos ollos dentro dos canos", algo que "vai permitir mellorar a xestión" do servizo que a súa empresa leva a cabo.
1174483304robot3a.jpg
1174483354robot4.jpg
1174483378aqualia210307.jpg
Descargar todas as imaxes