Escoitar

Mar Vicente busca novas dimensións para a pintura na Fundación Laxeiro

Mar Vicente, gañadora da Bolsa Feirma 2006, expón ata o 17 de xuño na Fundación Laxeiro o seu proxecto "Reflexo de superficies", unha proposta de redefinición da pintura máis alá de parámetros como a bidimensionalidade, os límites físicos do soporte e a preponderancia do elemento óptico.

martes, 20 mar 2007
1174394915marvicenteescaleradepared.jpg
Escalera de pared, 2006
Nesta exposición, Mar Vicente (Valadouro, Lugo, 1979) emprega criterios de expansibilidade para trascender o espazo físico do "cadro" e superar a tradicional presentación frontal das obras. Para mostrar esta idea, Mar Vicente utiliza conceptos herdeiros da tradición minimalista, como a redución dos recursos expresivos e a utilización do espazo como articulador do conxunto da exposición, usando a tridimensionalidade como elemento expresivo dunha obra que, sen embargo, segue sendo eminentemente pictórica.

Con este proxecto, a artista gañou a Bolsa Feirma – Fundación Laxeiro á creación artística na súa edición de 2006, dotada con 3.000 euros máis 3.000 euros para produción de obra, a edición dun catálogo retrospectivo e a exhibición do proxecto, dentro da programación de exposicións temporais da Fundación Laxeiro en Vigo, e a Fundación Feima en Madrid.

"Reflexo de superficies" é a primeira exposición individual de Mar Vicente, a primeira oportunidade de traballar todo o espazo expositivo en función únicamente da súa proposta e profundar así nos parámetros que rexen o seu pensamento artístico, para o que a interrelación entre as distintas pezas xoga un papel fundamental.

O proxecto parte da forma de entender a cor como luz e o espazo expositivo como parte da proposta. A parede convértese así nun soporte máis, sobre o que se proxecta a cor. A súa textura interacciona coas texturas de cada peza. Se estes conceptos nos remiten automáticamente a parámetros do Minimalismo, non acontece o mesmo coa intención de pegada manual que a artista pretende deixar en cada peza.

A idea de "cadro", en vez de ser negada, reformúlase, xerando unha interesante tensión entre a aparente frialdade dunha obra articulada a partires de superficies xeométricas, monocromas e regulares, sen concesión ningunha á representación nin ao xesto; e uns acabados que, nunha mirada máis atenta, revélannos unha meticulosa manualidade na que, sorprendentemente, ten cabida o erro, a imperfección e a pegada do manipulado da artista.

As texturas cobran aquí importancia, razón pola que Mar Vicente insiste en utilizar o lenzo para traballar a cor en case todas as pezas, en vez de decantarse por superficies xa fabricadas e/ou menos texturadas. A superficie da tea pintada tamén lle permite xogar con diferentes calidades táctiles que, inevitablemente, nos sitúan entre o pictórico e o escultórico. O volume e o tacto pasan desta forma, a xogar un papel perceptivo importante.

A obra

Estas formulacións materialízanse en pezas sorprendentes como a titulada "Cajón", unha peza de chan, formada por dous cubos (un contén ao outro) nos que se contrapoñen as texturas da tea e o metacrilato e cada cubo intercambia as súas cores e tingue, por medio do reflexo, o espazo que o rodea. Ou a titulada "Escalera de pared", composta por unha serie de módulos colocados de maneira escalonada onde se vai reflectindo a cor en cada unha das superficies do escalón do módulo seguiente, deixando así de ser branco para adquirir diferentes calidades cromáticas.

"Neón" é outra enxeñosa peza, composta por unha cara de pintura monocroma sobre lenzo e por outra, de imaxe fotográfica. Os módulos ancorados na parede perpendicularmente (de xeito vertical), desoriéntannos na observación frontal, e vannos descubrindo interesantes xogos de reflexos cromáticos entre eles e sobre a parede, ou relacións de imaxes fotográficas, a medida que imos abandoando a visión frontal da obra.

Destaca tamén unha peza de vídeo, presentada en pantalla plana sobre parede, na que se mostra o proceso de instalación en sala da xa mencioada "Escalera de pared", mediante a sucesión de fotogramas das fases da montaxe modular, nun paradoxal xogo de exhibición/ocultación do proceso: en cada fotograma móstrase a progresiva montaxe da peza, por medio da adición dun módulo tras outro. Ao mesmo tempo ocúltase toda intervención humana e todo rastro do proceso de construción, compoñendo un suxestivo xogo compositivo.

A artista e as súas referencias

Mar Vicente é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e na súa curta traxectoria ten sido artista invitada en "Kultur Modell" (Passau, Alemaña); bolseira en "Kaldarte" (Pontevedra), 2º Premio na II edición do "Premio de artes plásticas Conxemar"; Mención de honra no "VII Premio Joven 2004, Artes plásticas", convocado pola Fundación General de la Universidad Complutense de Madrid; seleccionada en "Novos Valores", da Deputación de Pontevedra; Bolsa "Fundación Talens España" e artista invitada no programa "Residentes" da Xunta de Galicia.

No traballo de Mar Vicente son inevitables as referencias a nomes clásicos do Minimalismo como Donald Judd, Dan Flavin e Sol LeWitt e, nun nivel máis teórico que visual, Robert Mangold. As súas referencias entre a creación actual encontrámolas en nomes que traballan a idea de expansión da pintura, como a norteamericana Jessica Stockholder, o suizo Philippe Decrauzat e o arxentino Eduardo Costa. No ámbito estatal, artistas tan diversos como Ángela de la Cruz, Toño Barreiro ou a obra dos anos setenta e oitenta de Nacho Criado, todos eles artistas cun elemento común: a súa preocupación por romper os límites físicos do que tradicionalmente entendemos por pintura.
1174394915marvicenteescaleradepared.jpg
1174394958autocontrastevariacion.jpg
Descargar todas as imaxes