Escoitar

O Concello solicita unha subvención de 1,4 millóns de euros para contratar persoas con dificultades de inserción

A Xunta de Goberno Local acordou solicitar á Xunta de Galicia unha subvención de 1,4 millóns de euros. Deste xeito, o Concello preséntase á convocatoria de Programas de Cooperación 2007 da Consellaría de Traballo.

luns, 19 mar 2007
1174315808xunta190307.jpg
Esta convocatoria ten por obxecto subvencionar a contratación, por parte das entidades locais, de persoal traballador desempregado con especiais dificultades de inserción, para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

A solicitude do Concello recolle unha batería de 11 proxectos presentados por distintos departamentos municipais. A realización destes proxectos suporía a contratación de 175 traballadores naqueles ámbitos nos que existe unha maior necesidade de actuación. A subvención de 1,4 millóns de euros solicitada polo Concello cobre o custo salarial das contratacións mencionadas.

Entre as solicitudes dos departamentos municipais figuran accións de eliminación de barreiras e mellora da mobilidade en instalacións deportivas, melloras do contorno urbano, obras de acondicionamento da cidade, fomento do voluntariado e apoio na organización da xestión do servizo de Recursos Humanos.

Aparcadoiros

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou inicialmente as tarifas máximas que os aparcadoiros municipais en réxime de concesión administrativa percibirán a partir do 31 de agosto. Estas tarifas serán o resultado de dividir por 60 o importe da totalidade dos céntimos que se perciben na actualidade por cada hora. Son as seguintes:

- Porta do Sol: 2,58 céntimos/minuto
- Praza de Portugal: 2,00 cts/min.
- Rúa Venezuela: 1,80 cts/min.
- Rúa Coruña: 1,80 cts/min.
- Praza de Fernando o Católico: 1,80 cts/min.
- Praza da Independencia: 2,00 cts/min.
- Rúa Urzaiz: 2,16 cts/min.
- Praza do Rei: 1,66 cts/min.
- Jenaro de la Fuente: 1,90 cts/min.
- Praza de América: 1,25 cts/min.
- Camelias-López Mora: 1,25 cts/min.
- Praza Elíptica: 0,66 cts/min.

Convenios

Outros dous acordos da Xunta de Goberno Local teñen que ver con senllos convenios. O primeiro deles consistiu na aprobación do texto dun convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Secretariado General Gitano para a execución de proxectos de intervención social integral, cunha achega municipal de 105.000 euros.

O segundo acordo foi o de prorrogar o convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao" desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2007, aprobando ao mesmo tempo o programa de actividades presentado pola Federación, que o Concello financiará cun importe próximo aos 88.000 euros.
Descargar todas as imaxes